Responsables de Ecoembes e Sogama visitan en Pontevedra o tráiler expositivo de Oportunidades Galicia
15/09/2017
O Porriño, próximo destino da Campaña Autonómica da Reciclaxe
21/09/2017

Usuarios de COGAMI Lugo, veciños de Xermade e Mulleres Rurais de Cospeito, entre os próximos destinatarios de “Oportunidades Galicia”

  • Escenarios diferentes, pero cun mesmo obxectivo: incrementar as taxas de reciclaxe en Galicia e avanzar cara á economía circular como único modelo de desenvolvemento posible.
  • A campaña, liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta co apoio de Ecoembes e Sogama.
  • Educadores especializados en residuos serán os encargados de explicar aos destinatarios as bondades da reciclaxe e de activar conciencias para que cada vez sexan máis os que aposten pola sostibilidade.

A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” prosegue co seu periplo pola nosa comunidade, pretendendo chegar ao maior número posible de cidadáns.

O vindeiro mércores, 20 de setembro, tócalle a quenda aos usuarios do Centro de Recursos para persoas con discapacidade física de Lugo-COGAMI (entre as 11:00 e as 13:00 horas). Ata alí desprazaranse os educadores co obxectivo de levar a cabo unha serie de actividades e dinámicas dirixidas a formar a este colectivo no ámbito da reciclaxe e propiciar a súa participación no sistema de recollida selectiva de residuos.

O día 23, a carpa informativa da campaña viaxará ao concello de Xermade, ubicándose diante do polideportivo municipal, entre as 16:00 e as 19:00 horas. A través deste dispositivo, os monitores explicarán aos veciños todos os pormenores da xestión sostible dos residuos urbanos: desde a propia compra responsable ata o consumo racional e medido de produtos, a reutilización dos mesmos para outros fins, unha vez esgotada a súa vida útil, e a transformación en novos artigos de utilidade a través da reciclaxe, unha vez depositada cada fracción no contedor correspondente.

A xornada do 29 celebrarase nunha contorna diferente. Neste caso, os monitores terán un encontro coa Asociación de Mulleres Rurais do municipio de Cospeito (entre as 17:00 e as 18:00 horas, na antiga Cámara Agraria) para informar e formar aos seus membros na materia, ademais de escoitar as súas propostas, tomar nota das súas observacións e, por suposto, resolver todas as súas dúbidas.

E xa o día 30, a cita será coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, entre as 12:00 e as 13:00 horas.

En todos os casos, trátase de encontros, cada un coas súas características e particularidades, nos que a temática central será a reciclaxe e a economía circular como único modelo de desenvolvemento posible, agora e no futuro.

Promovida e coordinada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, “Oportunidades Galicia” conta coa colaboración de Sogama e Ecoembes, sendo o seu principal obxectivo incrementar as taxas de reciclaxe na nosa comunidade e abandonar o caduco modo de vida lineal, que ameaza con extinguir os recursos.