A aula móbil de Oportunidades Galicia visitará Lalín o vindeiro sábado 18
15/03/2017
A reciclaxe estará presente en Verín, Manzaneda e Nogueira de Ramuín
17/03/2017

Os veciños de Paderne poderán coñecer os pormenores da reciclaxe da man de “Oportunidades Galicia”

 

  • Unha carpa informativa, e atendida por educadores ambientais,  emprazarase o próximo 21 de marzo nesta localidade, concretamente no Campo do Telleiro, entre as 10:30 e as 14:00 horas, co obxectivo de explicar aos veciños como contribuír a unha xestión máis sostible dos residuos urbanos e alcanzar con isto importantes beneficios ambientais e económicos.

 

  • Dous días antes, este sábado 18, a campaña estará a disposición dos interesados no centro comercial Odeón Dolce Vita de Narón (A Coruña), onde os monitores proporcionarán igualmente as explicacións oportunas sobre a reciclaxe, á vez que organizarán, coordinarán e executarán distintas actividades didácticas e lúdicas orientadas aos máis pequenos.

 

Cerceda, a 16 de marzo de 2017.-  O vindeiro martes, día 21 de marzo, os veciños do concello de Paderne (A Coruña) recibirán a visita da campaña autonómica da reciclaxe a través da súa carpa informativa, que se ubicará no Campo do Telleiro, entre as 10:30 e as 14:00 horas.

 

Desde este soporte divulgativo, educadores ambientais especializados en residuos trasladarán á poboación as explicacións necesarias sobre a importancia de contribuír á xestión sostible dos mesmos, tanto desde o fogar, a escola, o centro de traballo e o tempo de lecer, dando conta dos xestos e comportamentos que deben levarse á práctica cada día con tal fin.

 

Neste sentido, insistirán na importancia de previr e reducir a produción de lixo, constituíndo o consumo responsable a vía máis axeitada para isto. Así mesmo, deteranse en dar a coñecer as altas posibilidades que ofrece a reutilización de cara a alongar a vida útil dos produtos, co conseguinte aforro económico e ambiental, á vez que incidirán na necesidade de separar os materiais en orixe e depositalos nos contedores correspondentes para que a reciclaxe, e xa que logo a súa transformación en novos artigos, se converta nunha realidade, contribuíndo desta forma ao aforro de enerxía e materias primas.

 

SEPARAR PARA RECICLAR: PREMISA BÁSICA

 

Concretar o que debe e non debe ser depositado en cada un dos recipientes de recollida selectiva ubicados nas vías públicas eríxese nunha prioridade. Así, recordarase que o contedor amarelo acolle unicamente latas, briks e envases de plástico, nunca plásticos que non sexan envases ou envoltorios; que o azul debe albergar envases de cartón e papel, nunca con restos de graxa, sucios ou plastificados; que o iglú verde resérvase para os envases de vidro, é dicir, botellas, frascos e tarros sen os tapóns, nunca vidros especiais como parabrisas de coches, espellos, restos de cristalerías, etc; que hai un contedor específico para pilas, situado habitualmente nas casas consistoriais, centros comerciais, centros educativos e sedes de colectivos sociais; e que o verde convencional debe recibir unicamente a fracción resto, de cuxa xestión e tratamento encárgase Sogama a fin de convertela en enerxía eléctrica.

 

ODEÓN DOLCE VITA DE NARÓN: OUTRO PUNTO DE ENCONTRO

 

Dous días antes, o sábado 18, a campaña estará á disposición dos interesados no centro comercial Odeón Dolce Vita de Narón (A Coruña), onde os monitores proporcionarán igualmente as explicacións oportunas sobre a reciclaxe, á vez que organizarán, coordinarán e executarán distintas actividades didácticas e lúdicas orientadas aos máis pequenos.

 

En ambos casos, os cidadáns terán ocasión de consultar as súas dúbidas e ata de trasladar os seus comentarios, observacións e propostas de mellora en torno ao sistema de recollida selectiva instaurado na nosa comunidade.

 

“Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” é unha campaña promovida e liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio na que colabora Ecoembes e Sogama , sendo o seu obxectivo último incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade.