Oportunidades Galicia viaxa aos concellos coruñeses de Vilarmaior, Ares e Camariñas
07/04/2017
Os escolares, os que máis saben de reciclaxe
18/04/2017

Os veciños de Esgos serán instruídos na reciclaxe a través da campaña Oportunidades Galicia

· Unha carpa informativa trasladarase o vindeiro luns, 17 de abril, a este municipio, situándose na Praza do Concello, entre as 10:30 e as 13:30 horas.

· Todos os que se acheguen a este punto divulgativo recibirán as oportunas explicacións, a cargo de educadores especializados, sobre como mellorar a súa achega á xestión sostible dos residuos urbanos e que hábitos deben adoptar cada día para contribuír a un maior reciclado.

 

O vindeiro luns, 17 de abril, a campaña “Oportunidades Galicia” levará unha carpa informativa ao municipio de Esgos (Ourense) para instruír aos veciños nas boas prácticas ambientais vinculadas á reciclaxe e desta forma propiciar un mellor uso dos contedores de recollida selectiva habilitados na localidade.

Ubicarase na propia Praza do Concello, entre as 10:30 e as 13:30 horas, e estará atendida en todo momento por educadores especializados, os cales explicarán os riscos asociados á elevada produción de refugallos cando estes non son xestionados de forma correcta, así como o importante papel que poden desempeñar os cidadáns a través da aplicación diaria do principio dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.

BOAS PRÁCTICAS E RECOMENDACIÓNS

Todos os que se acheguen a este punto informativo recibirán as oportunas explicacións sobre como producir menos residuos a través do consumo responsable, como alongar a vida útil dos produtos e aproveitar ao máximo as súas cualidades e como separar os materiais por tipoloxías e depositalos nos recipientes axeitados para garantir o seu posterior reciclado.

Así, recordarán que o amarelo está destinado a acoller latas, briks e envases plásticos; que no azul deposítanse envases de cartón e papel; que o iglú verde só admite envases de vidro; que hai un recipiente específico para pilas; e que o contedor verde convencional só debe ser utilizado para a fracción resto, que Sogama valoriza enerxéticamente no seu complexo industrial de Cerceda (A Coruña) para convertela en electricidade e evitar así o seu depósito en vertedoiro.

Os cidadáns terán ocasión de consultar todas as súas dúbidas, así como de trasladar os seus comentarios e observacións sobre o actual sistema de xestión de residuos e de intercambiar experiencias e coñecementos.

O asesoramento dispensado polos monitores será complementado coa entrega de diverso material divulgativo e de merchandising co que estimular unha maior cooperación por parte da poboación.

“Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, en vigor desde agosto de 2016, é unha campaña itinerante promovida e liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, na que tamén participa Ecoembes e Sogama, cuxo principal obxectivo é informar e formar á cidadanía para incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade, lograr un maior aforro enerxético e de materias primas e mellorar o benestar e calidade de vida das actuais e futuras xeracións.