Os usuarios da praia de Coroso, en Ribeira, serán asesorados nas boas prácticas da reciclaxe
07/07/2017
Carballedo, Begonte, Vilalba e Cervo recibirán en próximas datas a visita de Oportunidades Galicia
12/07/2017

Os veciños de Bueu e Cerdedo coñecerán os pormenores da reciclaxe a través de “Oportunidades Galicia”

 

  • A campaña, que impulsa a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, chegará a Bueu  este mércores, día 12, e a Cerdedo  farao o 27.
  • A través dun aula móbil e unha carpa informativa en cada caso, educadores medioambientais especiais instruirán aos cidadáns nas boas prácticas relativas á xestión sostible dos residuos urbanos, prestando especial atención aos tres erres.
  • Todos os que se acheguen a ambos os dous dispositivos, recibirán material divulgativo e de merchadising.

 

Os veciños dos concellos pontevedreses de Bueu e Cerdedo serán formados en reciclaxe a través da campaña “Oportunidades Galicia”. A aula móbil chegará a Bueu  o vindeiro mércores, día 12, ubicándose na Praza Massó, entre as 10:30 e as 14:00 horas. E a carpa informativa farao a Cerdedo o próximo día 27, no mesmo horario, situándose na Praza do Concello.

Como vén sendo habitual, ambos dispositivos serán atendidos por educadores especializados en residuos, que se porán ao servizo dos cidadáns para informalos e formalos nas boas prácticas e resolver as dúbidas que estes poidan presentar.

A estratexia xerárquica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) constituirá o epicentro das mensaxes a trasladar polos monitores, que exemplificarán os hábitos e xestos a pór en marcha para diminuír a produción de refugallos en orixe, para aproveitar os produtos dándolles todas as utilidades posibles, e para separalos correctamente e depositalos nos contedores correspondentes como garantía de reciclado.

Facer unha lista previa da compra, levar a bolsa de casa ao supermercado, optar pola adquisición de artigos co menor envase posible, dar preferencia ás compras a granel e xestionar axeitadamente os alimentos para evitar o seu desperdicio constitúen, entre outros, algúns dos consellos que poden resultar de utilidade para que os cidadáns, desde os seus fogares, os seus postos de traballo e tamén o seu tempo de lecer, poidan participar activamente no sistema e contribuír ao mesmo como verdadeiros protagonistas do cambio.

O modelo de desenvolvemento definido pola economía circular constitúe o telón de fondo que enmarca os pequenos e grandes pasos a dar cara a un futuro máis sostible que require da complicidade e colaboración de todos para que o coidado  do medio ambiente se visualice como unha oportunidade de mellora e prosperidade.

Todos os que se acheguen á aula móbil e á carpa informativa serán obsequiados con diverso material divulgativo e de merchandising.

Non obstante, a información adquirida a través destes dous dispositivos pode verse reforzada coa visita a www.oportunidadesparareciclar.gal, unha páxina interesante e de utilidade que permite ampliar coñecementos e desenvolver accións positivas para a contorna e o benestar da poboación.

 

Cara a un maior reciclado

“Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” é unha campaña liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama, e cuxo principal obxectivo é ofrecer asesoramento á poboación galega de cara a incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e que esta se poida beneficiar, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, da recuperación de residuos, en sintonía cos preceptos da economía circular.