Voluntarios e persoal da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo formaranse na reciclaxe coa axuda da campaña “Oportunidades Galicia”
29/09/2017
Oportunidades Galicia regresa aos municipios ourensáns
02/10/2017

Os veciños de As Somozas apúntanse á reciclaxe

 

  • Ata este concello  coruñés viaxará o vindeiro luns, 2 de outubro, a campaña “Oportunidades Galicia”, cuxo obxectivo é formar aos cidadáns nunha xestión dos residuos urbanos máis racional, sostible e intelixente.
  • Con tal fin, unha carpa itinerante ubicarase na praza anexa ao concello, entre as 10:00 e as 13:30 horas, desde onde educadores especializados explicarán os pormenores dos tres erres e a economía circular.
  • A iniciativa está promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e na mesma colabora Ecoembes e Sogama.

A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” chegará o vindeiro luns, 2 de outubro, ao concello coruñés de As Somozas para informar, formar e concienciar aos veciños sobre a necesidade de instaurar nas súas vidas a reciclaxe e contribuír á mesma a través dunha correcta recollida selectiva dos residuos en orixe.

Desde unha carpa informativa, que se ubicará na praza anexa ao concello, permanecendo aberta ao público entre as 10:00 e as 13:30 horas, educadores especializados na materia explicarán o que significa introducir a sostibilidade na xestión dos residuos: máis prevención e redución, máis reutilización e máis reciclado.

 

Boas prácticas

A través de exemplos prácticos facilmente extrapolables á vida diaria, mostrarán como producir menos lixo (facendo unha lista da compra, diferenciando entre data de caducidade e de consumo preferente, levando a propia bolsa de casa ao mercado e optando por produtos a granel), como fomentar a reutilización (usando o papel polas dúas caras e aproveitando os botes de vidro como lapiseiros ou obxectos decorativos) e como segregar os materiais por tipoloxías para propiciar a súa recuperación, depositándoos nos contedores axeitados: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca cartóns e papeis plastificados, sucios ou con restos de graxa, debendo retirarse previamente accesorios habituais tales como arames, argolas e grapas); iglú verde, para envases de vidro, pero sen tapas, tapóns ou cortizas, evitando os vidros especiais tales como restos de cristalerías, espellos, parabrisas de coches ou cristais de fiestras; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto.

Esta cita constituirá tamén unha magnífica ocasión para que os veciños poidan efectuar consultas e despexar todas as súas dúbidas sobre como levar á práctica cada día o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e como colaborar no proceso de transición desde unha economía lineal, caracterizada polos malos hábitos de usar e tirar, a unha circular na que os refugallos sexan transformados en recursos.

Así mesmo, constituirá tamén un bo escenario para proceder ao intercambio de coñecementos e experiencias. Ademais, os que así o desexen, e de forma anónima, poderán participar en enquisas de satisfacción a través das cales terán oportunidade de avaliar o sistema de xestión de residuos existente en Galicia, deixando constancia dos seus comentarios, observacións e propostas.