20160819_124217_resized
Oportunidades Galicia percorre varias localidades coruñesas para fomentar a reciclaxe entre a poboación
06/07/2017
20160810_133547
Os veciños de Bueu e Cerdedo coñecerán os pormenores da reciclaxe a través de “Oportunidades Galicia”
10/07/2017

Os usuarios da praia de Coroso, en Ribeira, serán asesorados nas boas prácticas da reciclaxe

Playa Coroso
  • Ata alí trasladarase o vindeiro luns, 10 de xullo, un aula móbil que estará atendida, entre as 15:00 e as 19:00 horas, por educadores medioambientais e desde a cal informarán e formarán aos bañistas nunha mellor xestión dos residuos orientada cara á sostibilidade e a economía circular.
  • Este punto divulgativo converterase tamén nun lugar de encontro para que os interesados poidan despexar as súas dúbidas e deixar constancia dos seus comentarios e observacións sobre o actual sistema de recollida selectiva.
  • A iniciativa, liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama.

Os bañistas da praia de Coroso, en Ribeira (A Coruña), recibirán o vindeiro luns, 10 de xullo, a visita da aula móbil da campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”.

Entre as 15:00 e as 19:00 horas, desde este dispositivo divulgativo educadores especializados informarán, instruirán e asesorarán no ámbito da reciclaxe a todos os bañistas que así o desexen, explicándolles a importancia que ten aplicar cada día, tanto nos fogares como nos lugares de traballo e o tempo de lecer, o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

 

Menor xeración e máximo aproveitamento

Neste sentido, deteranse en identificar algúns dos xestos que poden ser adoptados polos cidadáns para consumir de forma responsable e reducir a produción de refugallos. Levar a propia bolsa de casa á compra, dar preferencia á adquisición de produtos a granel ou co mínimo envase e envoltorio, e elaborar unha lista da compra co estritamente necesario, pode resultar de gran axuda. O máximo aproveitamento dos artigos constitúe tamén unha prioridade de cara a alongar a súa utilidade no tempo e evitar que acaben convertidos en residuos de forma inmediata. E, por suposto, a segregación dos mesmos por tipoloxías e posterior depósito nos contedores correspondentes eríxese nun requisito esencial para garantir o seu posterior reciclado. Sen este comportamento básico, a recuperación dos materiais contidos no lixo será inviable.

É por isto que os monitores esforzaranse en concretar o que debe e non debe ser introducido en cada recipiente, recordando que o amarelo só acolle latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); que o azul resérvase para os envases de cartón e papel (exceptuando os cartóns e papeis plastificados, encerados, sucios e con restos de graxa, debendo ser retirados previamente elementos accesorios tales como anelas, grapas e arames), que o iglú verde alberga os envases de vidro, é dicir, botellas, frascos e tarros de vidro sen tapas, tapóns ou cortizas, descartando os vidros especiais tales como cristais de fiestras, restos de cristalerías, parabrisas de coches, espellos e lámpadas, entre outros; e que no contedor verde convencional só debe depositarse a fracción resto, da que se encarga Sogama a través da súa valorización enerxética, utilizando para isto tecnoloxías limpas e de última xeración.

 

Intercambio de experiencias

 

A aula medioambiental eríxese igualmente nun punto de encontro para que os interesados poidan intercambiar experiencias, consultar todas as súas dúbidas e trasladar os seus comentarios e observacións sobre a xestión dos residuos municipais. De feito, os que así o queiran poden participar en enquisas de satisfacción, anónimas e voluntarias, a través das cales porán a proba os seus coñecementos na materia e deixarán constancia das súas impresións e ata propostas de mellora.

Con “Oportunidades Galicia”, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, como entidade que lidera esta iniciativa, contando co apoio de Ecoembes e Sogama, pretende incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos que cumpra cos requisitos da economía circular, onde a prevención, a reutilización e a reciclaxe convértense en protagonistas dun modelo que vela pola preservación dos recursos naturais.