“Oportunidades Galicia” estará presente na Festa do Rapaz de Silleda
23/06/2017
Membros da Asociación Raiolas de Lugo fórmanse na reciclaxe coa axuda da Campaña Oportunidades Galicia
28/06/2017

Os usuarios da Escola de Tempo Libre “Arenaria” de Padrón instrúense na reciclaxe

  • Educadores ao servizo da campaña autonómica “Oportunidades Galicia: Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera a Consellería de Medio Ambiente, serán os encargados de formar a escolares de entre 3 e 12 anos nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos municipais.
  • O obxectivo destas accións non é outro que fomentar o coñecemento e a formación sobre as posibilidades que a reciclaxe abre para un futuro máis próspero e sostible, e a importancia que ten colaborar no mesmo.
  • Desde agosto de 2016, a presenza desta campaña itinerante en distintos eventos da comunidade é habitual, sendo o seu obxectivo incrementar as porcentaxes de reciclado en Galicia e dar forma ao modelo de desenvolvemento definido pola economía circular.

A campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” trasládase mañá a Padrón (A Coruña) co obxectivo de obsequiar aos escolares usuarios da Escola de Tempo Libre Arenaria cun bo número de actividades didácticas e de lecer a través das cales inculcar e reforzar a importancia que ten a reciclaxe para o coidado do medio ambiente.

Entre as 10.00 e as 13:00 horas, dous educadores especializados ao servizo desta iniciativa, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que colabora Ecoembes e Sogama, serán os encargados de instruír a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos nas boas prácticas que deben reinar na xestión sostible dos residuos municipais.

A través de charlas e diversos xogos, adaptados en todo caso aos distintos perfís educativos, os pequenos aprenderán, sempre coa diversión como telón de fondo, que xestos e hábitos deben despregar, xunto coas súas familias, para producir menos refugallos e para poder aproveitar ao máximo os produtos, evitando o principal lastre do modelo de vida lineal: usar e tirar.

A prevención e a reutilización eríxense así en dúas necesidades prioritarias que deben ser cubertas de cara a avanzar cara á sostibilidade, requirindo igualmente das nocións básicas para poder separar os residuos con garantías e depositalos nos contedores correspondentes: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto.

Así mesmo, especificarase o papel que desempeñan os puntos limpos municipais, onde se recepcionan aqueles residuos de características especiais (voluminosos, aceites, tóxicos e perigosos do fogar, aparellos eléctricos e electrónicos, refugalos de pequenas obras, etc) para ser entregados a xestores autorizados e garantir así o seu correcto tratamento ambiental.

Desde agosto de 2016, a campaña autonómica da reciclaxe, de carácter itinerante, vén percorrendo o conxunto da comunidade galega co obxectivo de informar, formar e concienciar aos cidadáns sobre a necesidade de contribuír ao reciclado como garantía de futuro, benestar e prosperidade.

Ata o día de hoxe, a iniciativa chegou de forma directa a máis de 77.500 persoas, previndo que as súas accións sexan intensificadas este verán en praias, municipios e distintos eventos estivais (festas, mercados, competicións deportivas, etc).