IMG-20170304-WA0006
Os veciños de Esgos serán instruídos na reciclaxe a través da campaña Oportunidades Galicia
11/04/2017
IMG_9808
Comezan as accións de Street Marketing de Oportunidades Galicia en Santiago de Compostela
19/04/2017

Os escolares, os que máis saben de reciclaxe

20170317_102527

 

  • Así se desprende do informe de balance da campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e correspondente ao pasado mes de marzo.
  • Os pequenos da casa eríxense nun importante vehículo canalizador das boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos e exemplo a seguir polo resto da poboación.
  • A súa colaboración na consecución de maiores cotas de reciclado resulta clave de cara a avanzar cara a un futuro máis sostible e próspero, acorde cos preceptos da economía circular.
  • Desde outubro do pasado ano, máis de 25.700 escolares das catro provincias galegas participaron nas distintas accións executadas no marco desta iniciativa.
  • En cómputos globais, e tomando en consideración as actividades desenvolvidas noutros ámbitos (concellos, asociacións, eventos deportivos, centros comerciais, etc), a campaña xa atendeu de forma directa a máis de 62.000 persoas a través de 1.500 accións.

 

Tal e como se recolle no informe de balance da campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” correspondente ao pasado mes de marzo, os escolares constitúen o sector de poboación que máis coñecementos evidencian en materia de reciclaxe. Así se desprende das distintas accións executadas no marco da campaña autonómica promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que colabora Ecoembes e Sogama.

Os pequenos abren a porta a un futuro esperanzador para o medio ambiente, erixíndose nunha magnífica canle divulgativo das boas prácticas na xestión sostible dos residuos urbanos. Saben perfectamente como reducir a produción de residuos en orixe, como consumir de forma responsable, como aproveitar ao máximo os produtos de cara a fomentar a reutilización dos mesmos e cal debe ser o contedor de destino para cada material, conscientes de que só a través dunha correcta recollida selectiva en orixe poderase garantir o reciclado e, xa que logo, o aforro de enerxía e materias primas.

O seu papel na formación ambiental dos adultos resulta clave e por iso non desisten do seu empeño de divulgar cada día o principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) para gozar dunha contorna máis limpa e saudable, agora e no futuro.

Oportunidades Galicia segue cultivando éxitos. Desde a súa posta en marcha, en agosto de 2016, ata finais de marzo, atendeu de forma personalizada a máis de 62.000 persoas a través de  máis de 1.500 accións en concellos, centros educativos, asociacións, centros comerciais, eventos deportivos e visitas ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda, entre outros escenarios.

De feito, o pasado mes de marzo saldouse con preto de 6.500 persoas atendidas e 199 accións executadas, constituíndo o público escolar un dos máis receptivos e o que evidenciou un maior interese en torno ao reciclado. Preto de 4.000 alumnos de 21 centros das catro provincias participaron en distintas actividades deseñadas para os mesmos e dirixidas por educadores medioambientais expertos na materia. Esta cifra ascende aos máis de 25.700 escolares atendidos desde outubro do pasado ano.

 

Na rede

Respecto dos soportes divulgativos da campaña, cabería destacar o seu sitio web www.oportunidadesparareciclar.gal, que, malia á súa recente incorporación á rede, goza xa dunha boa acollida (máis de 3.000 visitas e preto de 7.800 páxinas vistas no primeiro trimestre do ano en curso), así como as redes sociais en Facebook, con máis dun milleiro de seguidores, Twitter e Instagram, sen esquecer a canle Youtube, no que se atopan aloxados máis dunha vintena de vídeos da campaña, computando da orde dun centenar de visualizacións.

 

Os resultados das enquisas nas que, de forma voluntaria e anónima, participaron distintos cidadáns, evidencian que o contedor amarelo segue a xerar dúbidas e confusións. A máis habitual é que este se identifique con todo tipo de plástico en xeral, cando só debe acoller latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios).