IMG-20170304-WA0006
Educadores medioambientais desprázanse a San Xoan de Río para asesorar aos veciños na correcta separación dos residuos
28/03/2017
Captura de pantalla 2017-03-23 a las 19.42.07
Ampla cobertura da Campaña na provincia de Lugo durante o presente mes de abril
04/04/2017

Os centros comerciais A Ramallosa de Nigrán e Gran Vía de Vigo acollen actividades de reciclaxe da man de “Oportunidades Galicia”

IMG_20170110_171017

· A campaña autonómica da reciclaxe, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, chegará mañá ao primeiro, 1 de abril, mentres que a Vigo farao o día 8.

· En ambos casos, educadores ambientais, valéndose dun stand, informarán e formarán aos visitantes nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos a fin de que poidan participar activamente no sistema e contribuír a incrementar as taxas de reciclado en Galicia.

· Para os pequenos haberá xogos e talleres, intentando con isto que, desde a diversión e o entretemento, adquiran os coñecementos necesarios que lles permitan actuar como embaixadores da reciclaxe e levar a cabo unha tarefa educativa no seu ámbito familiar.

 

A reciclaxe farase un oco no Centro Comercial A Ramallosa de Nigrán e no Gran Vía de Vigo. Ata ambos os dous desprazaranse educadores medioambientais ao servizo da campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” para informar e formar aos visitantes nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos, erixíndose igualmente nun instrumento de peso na loita contra o cambio climático.

A campaña chegará mañá, 1 de abril, a Nigrán e a Vigo farao o próximo día 8.

A través dun stand, os monitores explicarán á clientela dos dous centros as accións a acometer cada día para minimizar a problemática representada polo lixo. Neste sentido, instruiráselles na práctica dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), mostrándolles os hábitos e xestos a adoptar de cara a diminuír a produción de residuos, a aproveitar ao máximo os produtos, alongando a súa vida útil, e a segregar correctamente as distintas fraccións de materiais en orixe, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca papeis plastificados, encerados, sucios ou con restos de graxa); iglú verde, para envases de vidro (sen tapas nin cortizas); contedor específico para pilas; e verde convencional, para a fracción resto, que Sogama valoriza enerxeticamente no seu complexo medioambiental de Cerceda producindo electricidade suficiente para abastecer unha cidade como Vigo.

ESPAZO LÚDICO

Para os pequenos haberá talleres e xogos cos que, ademais de divertirse, descubrirán o mundo dos residuos, interiorizando os pasos a seguir para convertelos en recursos, ben mediante a súa reutilización ou ben mediante o seu reciclado. O obxectivo é que adquiran os coñecementos necesarios que lles permitan participar activamente no sistema e levar a cabo ao mesmo tempo unha tarefa educativa nos fogares, asumindo o papel de embaixadores e guiando o bo facer das súas familias.

Os cidadáns que voluntariamente o desexen poderán participar en enquisas de satisfacción a través das cales terán ocasión de valorar as accións desenvolvidas no marco desta campaña, así como o sistema de recollida selectiva implantado en Galicia, facendo chegar os seus comentarios e observacións.

Oportunidades Galicia é unha campaña educativa que promove e lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co obxectivo de incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e preparala para entrar de cheo na economía circular, un novo modelo de desenvolvemento que permitirá avanzar cara sostibilidade e abandonar o caduco sistema de producir-usar-tirar.