Membros da Asociación Raiolas de Lugo fórmanse na reciclaxe coa axuda da Campaña Oportunidades Galicia
28/06/2017
Oportunidades Galicia regresa ás rúas de Salvaterra do Miño
03/07/2017

Os bañistas das praias de Ferrol serán formados na reciclaxe a través da Campaña Oportunidades Galicia

 

  • A aula móbil da campaña “Oportunidades Galicia”, que lidera a Consellería de Medio Ambiente, estará presente nos areais ferroláns este domingo, 2 de xullo, entre as 15:00 e as 19:00 horas, aproveitando a celebración do VII Campionato de Surf de España.
  • O día 11 trasladarase ás praias de Paderne e o 29 ás de Fene, na mesma franxa horaria.
  • O obxectivo non é outro que instruír e formar a veciños e turistas nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos a fin de incrementar as taxas de reciclado en Galicia e cumprir así cos preceptos da economía circular.
  • Así mesmo, recordarase a necesidade de manter as praias limpas e evitar con isto que o lixo terrestre acabe no mar provocando graves problemas de contaminación.

 

Este domingo, 2 de xullo, en horario de 15:00 a 19.00 horas, os bañistas das praias de Ferrol e os participantes na VII edición do Campionato de España de Surf, recibirán a visita da aula medioambiental da campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, dispositivo que estará atendido en todo momento por educadores especializados, encargándose estes de proporcionar as explicacións necesarias sobre como xestionar os residuos desde o fogar, o traballo ou o tempo de lecer, e facelo ademais dunha forma eficiente, eficaz e respectuosa co medio ambiente.

Neste sentido, proporcionaránselles as claves para previr e reducir a produción de refugallos, pero tamén para maximizar a utilidade dos produtos, alongando a súa vida útil, e para contribuír á reciclaxe, previa separación dos materiais contidos no lixo, procedendo ao seu correcto depósito nos contedores habilitados para tal fin: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, sen esquecer os puntos limpos municipais, aos que deben trasladarse os residuos de carácter especial tales como voluminosos, aparellos eléctricos e electrónicos, aceites, pinturas, fluorescentes, etc.

A aula chegará ás praias do concello de Paderne o día11 e ás de Fene o 29, na mesma franxa horaria.

 

Mares limpos

En todo caso, e máis aló da necesaria segregación dos refugallos, tamén se recordará a necesidade de manter os areais limpos, toda vez que unha gran cantidade de lixo terrestre acaba nos mares provocando graves problemas de contaminación. Exemplo disto son os plásticos, que alteran os ecosistemas e son inxeridos polos animais acuáticos, que os confunden con alimento, ocasionándolles en moitos casos a morte.

O bo uso das papeleiras e os contedores habilitados en praias e proximidades forma parte dun comportamento cívico que deben seguir en todo momento os cidadáns para gozar dunha contorna saudable.

Os que se acheguen á aula serán obsequiados con diverso material divulgativo e de merchandising e, os que así o desexen, poderán someterse voluntariamente, e de forma anónima, a enquisas de coñecementos e satisfacción nas que terán a oportunidade de deixar constancia das súas observacións e comentarios.

 

Máis reciclaxe

 

“Oportunidades Galicia” é unha campaña liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coa colaboración de Ecoembes e Sogama, cuxo obxectivo é incrementar os índices de reciclado na nosa comunidade e dar cumprimento aos preceptos da economía circular.

Desde fai aproximadamente un ano, esta iniciativa moveuse por todo o territorio galego a través de distintos dispositivos (tráiler, carpa e aula), estando presente igualmente en centros educativos, centros comerciais, concellos, asociacións, campamentos e eventos deportivos, entre outros escenarios, tendo chegado xa de forma directa a máis de 77.500 e forma directa a máis de 77.500 persoas.