Carballedo, Begonte, Vilalba e Cervo recibirán en próximas datas a visita de Oportunidades Galicia
12/07/2017
Máis de 82.000 participantes na campaña “Oportunidades Galicia”
20/07/2017

Os bañistas das praias de Dumbría, Fisterra, Muros, Laracha e Camariñas serán formados na reciclaxe

 

  • A iniciativa, promovida e liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta coa participación e o apoio de Ecoembes e Sogama.
  • Desde un aula móbil, educadores especializados informarán, formarán e asesorarán a veciños e turistas nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos.
  • Este dispositivo de divulgación servirá tamén como punto de encontro para que os interesados poidan trasladar os seus comentarios e intercambiar experiencias na materia.
  • En todo caso, o obxectivo último é incrementar as taxas de reciclado en Galicia e dar cumprimento ás esixencias da economía circular mediante a conversión de residuos en recursos.

 A xestión sostible dos residuos urbanos chegará en próximas datas ás praias de Dumbría, Fisterra, Muros, Laracha e Camariñas. Bañistas e visitantes recibirán información, formación e asesoramento grazas á campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que se desprazará aos areais cun aula móbil atendida por educadores ambientais e conforme ao seguinte calendario:

 

DataLocalidadeEmprazamentoHorario
Día 14DumbríaPraia do ÉzaroDe 15:00 a 19:00
Día 17

 

Día 18

Fisterra

 

Muros

Praia Langosteira

 

Praia de San Francisco

De 15:00 a 19:00

 

De 15:00 a 19:00

Día 22LarachaPendenteDe 15:00 a 19:00
Día 25CamariñasPraia AriñoDe 15:00 a 19:00

 

Formación e asesoramento

O obxectivo é que veciños e turistas poidan recibir instrucións e recomendacións sobre as boas prácticas vinculadas á menor produción de refugallos, así como á reutilización dos produtos, alongando ao máximo a súa vida útil, e á reciclaxe, recibindo para isto nocións sobre o que debe e non debe depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva emprazados nas vías públicas.

Así, recordarase que o amarelo está habilitado para acoller latas, briks e envases de plástico; que o azul só recibe envases de cartón e papel; que o iglú verde acolle envases de vidro; que hai un recipiente específico para pilas; e que o contedor verde convencional resérvase para a fracción resto, que viaxa ás instalacións de Sogama en Cerceda  para ser valorizada enerxeticamente, previa separación dos elementos reciclables contidos na mesma e que por erro puidesen ser depositados en orixe no lixo convencional. É o caso do aceiro, o aluminio e o vidro.

A aula móbil pretende ser tamén un punto de encontro e diálogo no que os interesados poidan expresar as súas opinións sobre o sistema de recollida selectiva implantado en Galicia, potencialidades do mesmo e, de ser o caso, limitacións coas que se poidan atopar nos seus fogares e contorna máis inmediata.

 

Cara á economía circular

En todo caso, trátase de articular conxuntamente as medidas necesarias para que a poboación poida colaborar activamente no sistema e que as taxas de reciclado nos seus municipios e, por tanto na comunidade galega, sexan incrementadas de acordo coas esixencias da economía circular, cuxo fin último é converter os residuos en recursos e lograr o máximo aproveitamento dos produtos para multiplicar as súas utilidades.

Os que así o desexen, poderán someterse voluntariamente a enquisas de satisfacción e ata de coñecementos, para contrastar a súa bagaxe na materia e poder corrixir os erros máis comúns.

A campaña “Oportunidades Galicia”, que promove a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta coa colaboración e activa participación de Ecoembes e Sogama, sendo o seu obxectivo alcanzar unha xestión máis eficiente dos residuos que traia consigo melloras medioambientais, de benestar e calidade de vida, pero tamén na creación de emprego.

Os que se acheguen á aula móbil recibirán igualmente diverso material divulgativo e de merchandising que será de gran utilidade nas súas casas para contribuír de forma eficaz ao sistema e actuar de forma responsable fronte a un problema, o lixo, que require da complicidade de todos os sectores.