Ampla cobertura da Campaña na provincia de Lugo durante o presente mes de abril
04/04/2017
Os veciños de Esgos serán instruídos na reciclaxe a través da campaña Oportunidades Galicia
11/04/2017

Oportunidades Galicia viaxa aos concellos coruñeses de Vilarmaior, Ares e Camariñas

hdr

· A Vilarmaior chegará mañá, día 8, cunha carpa informativa. E a Ares e a Camariñas farao o 11 e 16 de abril respectivamente, pero neste caso cunha aula móbil.

· Desde ambos dispositivos, educadores ambientais explicarán aos transeúntes as razóns polas que os residuos deben ser xestionados de forma correcta e o papel que cada un de nós debe desempeñar para que a cadea da colaboración non se rompa e os refugallos poidan ser recuperados.

· Aproveitando a xornada, os cidadáns poderán consultar as súas dúbidas e dar traslado das súas observacións e comentarios.

· A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio é a entidade que lidera esta iniciativa, contando para isto co apoio de Ecoembes e Sogama.

 

No seu periplo por Galicia, a campaña “Oportunidades Galicia: separemos ben, reciclaremos mellor”, desprazarase os próximos días aos concellos coruñeses de Vilarmaior, Ares e Camariñas coa pretensión de informar, formar e concienciar á veciñanza en torno á necesidade de xestionar os residuos de forma responsable e que cada un desempeñe o seu papel para que a cadea non se rompa e a recuperación dos materiais contidos no lixo sexa unha realidade. Isto permitirá aforrar emisións, loitando contra o cambio climático, reducir custos económicos e mellorar as condicións de vida da poboación.

PLANNING

A iniciativa, liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando co apoio de Ecoembes e Sogama, chegará á localidade de Vilarmaior mañá, día 8, e farao cunha carpa informativa, que se ubicará na área da Casa da Cultura, entre as 16:00 e as 19:00 horas.

Tres días despois, o 11 de abril, a campaña chegará a Ares, pero cunha aula móbil, que aparcará na zona do mercado, próxima ao concello, onde permanecerá entre as 10:30 e as 13:30 horas.

E xa o día 16 desprazarase a Camariñas, onde estará, de 16:00 a 19:00 horas, fronte ao Pavillón Municipal.

“R” EN MAIÚSCULAS

Educadores ambientais especializados en residuos serán os encargados de trasladar aos visitantes os pormenores da acción, explicándolles cales son as boas prácticas que deben adoptar cada día, residindo nos 3R as claves do éxito: reducir a produción de residuos, reutilizar os produtos, alongando a vida útil dos mesmos, e propiciar o seu reciclado, depositando cada material no contedor correspondente: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto.

As xornadas servirán tamén para que os cidadáns poidan consultar dúbidas, intercambiar experiencias e trasladar os seus comentarios e observacións sobre o sistema de recollida selectiva implantado en Galicia.