Oportunidades Galicia, apoiando ao Trail Mugardos Montefaro
20/10/2017
Máis de 200 escolares de Soutomaior serán formados no ámbito da reciclaxe grazas á campaña “Oportunidades Galicia”
24/10/2017

Oportunidades Galicia supera a barreira dos 100.000 participantes

 

  • Desde agosto de 2016, e ata o mes de setembro do ano en curso, a campaña, que promove a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, levou a cabo 1.955 accións en toda a comunidade, estando presente en ámbitos  tan diferentes como as rúas dos propios municipios, centros escolares, centros comerciais, asociacións, praias, campamentos e eventos deportivos, entre outros.
  • As actividades son materializadas por educadores medioambientais, cuxo labor se centra en instruír, formar e concienciar á poboación nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos e á economía circular.
  • As xornadas, apoiadas coa presenza de aulas móbiles, carpas ou tráileres, constitúen o escenario idóneo para que os cidadáns poidan consultar as súas dúbidas e deixen constancia das súas apreciacións, comentarios e observacións sobre o sistema de recollida selectiva de residuos.

 

A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promove, coordina e lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co fin último de incrementar as taxas de reciclaxe na nosa comunidade, superou a barreira dos 100.000 participantes. De feito, desde o seu lanzamento, en agosto de 2016, e ata o mes de setembro do ano en curso, atendeu de forma directa a un total de 102.117 persoas, levando a cabo 1.955 accións.

Para a execución do plan de traballo, a iniciativa valeuse de distintos instrumentos tales como aulas móbiles, carpas informativas e tráileres, ademais de tarefas de buzoneo de folletos informativos para reforzar as principais mensaxes, desenvolvendo igualmente actividades en distintos ámbitos tales como as propias rúas dos municipios, centros escolares, centros comerciais, asociacións, praias, campamentos e eventos deportivos, entre outros.

As actividades son executadas por educadores medioambientais, cuxo labor se centra en instruír, formar e concienciar á poboación na correcta xestión dos residuos municipais a fin de que estes apliquen na súa vida diaria o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e adopten os preceptos da economía circular.

 

Do lineal ao circular

A pretensión é que os cidadáns logren levar a cabo un consumo responsable, que reduzan a produción de residuos en orixe, que alonguen a vida útil dos produtos e que se involucren de cheo no sistema de recollida selectiva, segregando correctamente os refugallos e depositándoos nos contedores axeitados habilitados nas vías públicas: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama converte en enerxía eléctrica con todas as garantías ambientais e de protección da saúde pública.

Trátase, en todo caso, de xestos que contribuirán a abandonar o caduco modo de vida lineal (extraer-fabricar-usar-tirar) e avanzar cara a un circular no que cobre protagonismo o criterio multierre, complementando os tres erres tradicionais (reducir, reutilizar e reciclar) con outros tales como repensar, rediseñar, refabricar, reparar, redistribuír e recuperar.

Durante as xornadas formativas, os cidadáns teñen ocasión de consultar todas as súas dúbidas, deixar constancia das súas observacións e comentarios e, se así o desexan, e de forma anónima, participar en enquisas de coñecementos e satisfacción sobre o actual sistema de recollida selectiva.

Con esta campaña, apoiada por Ecoembes  e Sogama, preténdese que cada vez sexan máis os cidadáns que contribúan á reciclaxe para lograr os seus beneficios ambientais (aforro de enerxía e materias primas, e menores emisións de CO2), económicos (xeración de riqueza e emprego) e sociais (maior benestar e calidade de vida).