Os veciños de As Somozas apúntanse á reciclaxe
29/09/2017
A campaña da reciclaxe chega a Lugo da man da Consellería de Medio Ambiente
04/10/2017

Oportunidades Galicia regresa aos municipios ourensáns

 

  • Unha carpa informativa atendida por educadores medioambientais trasladarase os próximos días ás localidades de Larouco (mañá, día 3) e Vilar de Santos (día 8).
  • A través da mesma informarase, instruirase e formararse aos veciños para que coñezan as claves da reciclaxe e colaboren no sistema de recollida selectiva.
  • O obxectivo último desta campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, é incrementar as taxas de reciclado en Galicia e contribuír a unha xestión máis intelixente dos residuos que permita avanzar  cara á sostibilidade.

 

A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” regresa á provincia de Ourense e faino concretamente nos municipios de Larouco e Vilar de Santos.  Para isto utilizará unha carpa informativa que estará atendida por educadores medioambientais e desde a cal se informará, instruirá e formará aos veciños para que coñezan as claves da reciclaxe e colaboren no sistema de recollida selectiva, dados os seus evidentes beneficios ambientais, económicos e sociais.

A Larouco  chegará mañá, día 3, e ubicarase, fronte ao centro de saúde, en horario de 09:00 a 13:00 horas. A Vilar de Santos farao o día 8 e situarase na praza do Concello, entre as 10:30 e as 13:30 horas.

A cita aspira a ser, non só un punto informativo, senón tamén un lugar para o encontro veciñal e o intercambio de coñecementos e experiencias. Desta forma, os cidadáns terán a oportunidade de consultar dúbidas, deixar constancia das súas observacións e comentarios e ata facer propostas de mellora.

 

Cara a un modo de vida circular

Os monitores falarán da importancia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e darán unhas pinceladas sobre a economía circular, explicando a transcendental importancia que ten a colaboración da poboación para transitar desde o actual modo de vida lineal (extraer-fabricar-consumir-tirar) a un circular no que se priorice a redución dos residuos, procurando que os produtos se manteñan no mercado o maior tempo posible e que, unha vez convertidos en refugallos, sexan reciclados e recuperados para evitar o consumo desmedido e irracional dos xa limitados recursos naturais.

Clarificar as dúbidas respecto dos materiais a depositar en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas constitúe outra das grandes tarefas, dada a confusión existente ao respecto. Neste sentido insistirase en que o contedor amarelo só acolle latas, briks e envases de plástico; que o azul resérvase para os envases de cartón e papel; que o iglú verde está deseñado para facer acopio dos envases de vidro; que hai un contedor específico para pilas; e que o recipiente verde convencional está concibido para a fracción resto.

“Oportunidades Galicia” é unha campaña promovida, liderada e coordinada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que conta co apoio de Ecoembes e Sogama, sendo o seu principal obxectivo incrementar as taxas de reciclaxe en Galicia e contribuír a unha xestión máis intelixente dos residuos  que permita avanzar cara á sostibilidade.