photo_2016-11-29_19-26-51
A reciclaxe chega a Burela, Alfoz, O Páramo e O Corgo da man de Oportunidades Galicia
01/06/2017
Ecoembes gráfica arte promo
A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, gañadora do concurso artístico Obra de Arte con Materiais de Refugallo
08/06/2017

Oportunidades Galicia intensificará en Ferrol as accións formativas en materia de reciclaxe coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente

02

 

  • A aula móbil da campaña “Oportunidades Galicia”, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e na que colabora Ecoembes e Sogama, estará o vindeiro luns, día 5, en Cantón de Molíns, entre as 17:00 e as 20:00 horas.
  • Previamente, os monitores desenvolverán unha serie de actividades no marco dun campamento urbano, que terá lugar no mesmo emprazamento, entre as 16:00 e as 17:00 horas.
  • O obxectivo deste dispositivo informativo e formativo, atendido en todo momento por educadores medioambientais, non é outro que explicar aos cidadáns os xestos que deben adoptar cada día para contribuír a unha xestión máis sostible dos residuos urbanos.
  • Así mesmo, constituirá un punto de encontro para que os interesados poidan despexar dúbidas, intercambiar experiencias e deixar constancia dos seus comentarios e observacións.

A campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” regresa a Ferrol da man da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e farao o vindeiro luns, 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, para intensificar as accións de información, formación e concienciación en materia de reciclaxe.

Con tal fin, unha aula móbil atendida por educadores ubicada no Cantón de Molíns, entre as 17:00 e as 20:00 horas, para atender as demandas dos transeúntes, explicarlles os pormenores da xestión sostible dos residuos e instruílos na práctica diaria da estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) como garantía de sostibilidade.

Previamente, desenvolverán unha serie de actividades no marco dun campamento urbano que terá lugar no mesmo emprazamento, entre as 16:00 e as 17:00 horas.

Neste sentido, os monitores insistirán na importancia que ten o consumo responsable a través de sinxelos xestos tales como elaborar unha lista previa da compra, adquirir produtos coa menor embalaxe posible, distinguir entre data de caducidade e data de consumo preferente, racionalizar o uso de bolsas plásticas, reducir o desperdicio alimentario e clasificar os refugallos por tipoloxías para que poidan ser reciclados.

Detallarán así o que debe e non debe ser introducido en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas, clarificando dúbidas e evitando confusións: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas e contedor verde xenérico, para a fracción resto, que viaxa a Sogama, previo paso pola planta de transferencia de Narón, onde é transvasada a contedores de gran capacidade para ser transportados ao centro de tratamento de Cerceda (A Coruña), nas mellores condicións hixiénicas e de seguridade.

A aula móbil constituirá así un punto de referencia para que os cidadáns poidan complementar e enriquecer os seus coñecementos na materia, ademais de resolver dúbidas e deixar constancia dos seus comentarios e observacións.

 

Máis de 70.000 persoas formadas

 

Liderada e dirixida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Oportunidades Galicia é unha iniciativa que se vén desenvolvendo na nosa Comunidade desde agosto de 2016 co fin de incrementar as taxas de reciclado e lograr así importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

 

Contando coa colaboración de Ecoembes e Sogama, leva a cabo múltiples accións en escenarios tan diversos tales como concellos, centros educativos, asociacións, centros comerciais, feiras, mercados e eventos deportivos, entre outros, tendo atendido xa, de forma directa, a máis de 70.000 persoas.