Entrega premio concurso escolar
A videocreación ‘Eu reciclo, e ti?’ incide na oportunidade de coidar o medio ambiente a través da reciclaxe e a separación en orixe
22/06/2017
IMG_0238
Os usuarios da Escola de Tempo Libre “Arenaria” de Padrón instrúense na reciclaxe
28/06/2017

“Oportunidades Galicia” estará presente na Festa do Rapaz de Silleda

IMG_9842
  • A campaña da reciclaxe, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e que conta coa participación de Ecoembes e Sogama, formará parte desta celebración, que terá lugar o vindeiro domingo, 25 de xuño e que xa alcanza a 29 edición.
  • Ademais das tradicionais actividades, amenizadas con música, talleres e xogos, cobrará protagonismo o desfile de modelos con traxes elaborados polos propios nenos a partir de materiais de refugallo.
  • Educadores ambientais especializados serán os encargados de formar e concienciar aos que acudan a este encontro nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos, sendo o obxectivo último incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e dar debido cumprimento aos preceptos da economía circular.

A campaña “Oportunidades Galicia. Separamos ben, reciclaremos mellor”, estará presente o vindeiro domingo, 25 de xuño, na Festa do Rapaz de Silleda (Pontevedra) para apoiar unha celebración centrada nos nenos e organizada, case na súa totalidade, por pequenos de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.

A conmemoración, que alcanza a súa 29 edición, terá lugar nunha zona de carballos centenarios que rodean o famoso Santuario da Salega, na parroquia de Siador, pertencente ao concello pontevedrés de Silleda.

Na mesma non faltarán actuacións, música, talleres, xogos, actividades multiaventura, así como o tradicional desfile de modelos con traxes e atuendos elaborados por escolares a partir de materiais de refugallo.

Neste contexto, os residuos adquiren especial protagonismo, de aí que os educadores medioambientais ao servizo de campaña autonómica da reciclaxe aproveiten a ocasión para invitar aos asistentes a mellorar a xestión do lixo que producen cada día mediante a aplicación efectiva do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

DE RESIDUO A RECURSO

Desde un punto informativo, recordarán a importancia que ten o consumo responsable para previr e reducir a xeración de residuos, así como a oportunidade que supón aproveitar ao máximo os produtos a través da súa reutilización. Insistirán tamén na correcta separación dos materiais como medida indispensable para garantir o seu posterior reciclado, previo depósito dos mesmos nos contedores correspondentes: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde xenérico, para a fracción resto, que Sogama converte en electricidade.

Así mesmo, explicarán a operativa a seguir no caso de cada fracción. Mentres que do papel/cartón, o vidro e as pilas encárganse xestores autorizados, a bolsa amarela e negra están baixo a competencia de Sogama desde o mesmo momento en que ambas as dúas son transvasadas, de forma independente, na planta de transferencia de Silleda a contedores de gran capacidade que inmediatamente trasládanse ata o complexo medioambiental de Cerceda, onde reciben o tratamento axeitado.

No caso dos envases lixeiros (contedor amarelo), estes son separados nunha planta de clasificación por tipoloxías e remitidos aos centros recicladores para ser transformados en novos produtos. Pola súa banda, o lixo convencional (contedor verde), tamén é sometido a un proceso de selección para extraer a parte susceptible de ser reciclada (aceiro, aluminio e vidro), transformando o resto nun combustible derivado de residuos (CDR) que é valorizado enerxeticamente nunha planta termoeléctrica, producindo a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.

Os monitores atenderán todas as consultas trasladadas polos asistentes, clarificarán dúbidas e tomarán nota das súas observacións e comentarios sobre o actual sistema de recollida selectiva.

Oportunidades Galicia é unha campaña promovida pola Consellería de Medio Ambiente, e que conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama, cuxo principal obxectivo é incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e avanzar cara a un modelo de desenvolvemento definido pola economía circular no que a correcta xestión dos residuos constitúe unha prioridade.