O Porriño, próximo destino da Campaña Autonómica da Reciclaxe
21/09/2017
Éxito rotundo da Carreira “Corre pola Reciclaxe” celebrada onte en Ourense
25/09/2017

Oportunidades Galicia estará presente na cuarta edición do Festival Mar de Mares

 

  • Educadores ao servizo desta iniciativa, que impulsa desde fai máis dun ano a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, desprazaranse á cidade da Coruña o vindeiro sábado, día 23, para dar a coñecer a importancia da reciclaxe e o seu papel clave na protección dos océanos.
  • A contaminación mariña provocada polo lixo que xera a actividade humana é hoxe incuestionable. Proba disto son os millóns de toneladas de plásticos que alberga o mar e que poñen en perigo os seus ecosistemas e fauna, ademais da propia cadea alimentaria.
  • “O mar é muller” constitúe o lema da conmemoración deste ano, enxalzando desta forma a figura feminina na súa relación co mar.

 

A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera e coordina a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, estará presente o vindeiro sábado, 23 de setembro, na cuarta edición do Festival Mar de Mares,  que se celebra esta semana na cidade da Coruña (entre os días 19 e 24).

Con este evento, catalogado como “multidisciplinar”, preténdese enxalzar as bondades do mar para a vida e para o futuro da humanidade, e concienciar e sensibilizar á cidadanía en torno á súa protección e coidado.

Xéstase así unha iniciativa educativa, artística, pública e lúdica, nutrida cun amplo e variado cartel de actividades nas que a muller será a protagonista por excelencia. Non en van, co lema “O mar é muller”, preténdese enxalzar a figura feminina na súa relación co mar, organizando encontros con mulleres que explicarán o seu cometido nun mundo tradicionalmente masculino. A presenza de Cristina Mittermeier, unha das fotógrafas e biólogas máis recoñecidas a nivel internacional, e que visita España por primeira vez, así o testemuña.

A través de exposicións, talleres, proxeccións, entrevistas, concertos, storytellings, visitas intermareais e o xa tradicional Mercado do Mar, onde se exporán os múltiples produtos e servizos do tecido produtivo galego en torno ao mar (gastronomía, artesanía e outros sectores), darase a coñecer a riqueza dos océanos, así como o labor das xentes que traballan en, para e polos mesmos.

 

A reciclaxe, punto de encontro

 

A reciclaxe, como non podía ser doutra  forma, estará presente nesta cita, na que ocupará un relevante lugar debido á ameaza que supón a inxente cantidade de lixo que, debido á actividade do home, contamina sen tregua os nosos océanos, ocasionando un grave deterioro dos seus ecosistemas e poñendo en perigo  a moitas especies mariñas e, xa que logo, á propia cadea alimentaria.

Neste contexto, os plásticos, e máis concretamente os microplásticos, constitúen un factor de risco que debe ser eliminado e minimizado coa axuda de todos.

A correcta segregación dos distintos materiais que conforman a nosa bolsa de lixo e o seu posterior depósito nos contedores axeitados constitúe un xesto que debe ser plenamente incorporado ao comportamento diario da poboación. Tamén a redución da produción de lixo en orixe , o consumo responsable e a repetida utilización dos produtos ata esgotar a súa vida útil constitúen outras das prácticas a aplicar na nosa vida cotiá de cara a contribuír  a unha xestión máis sostible dos nosos refugallos.

O tránsito dunha economía lineal (extraer-producir-usar-tirar) a unha circular na que os residuos se convertan en recursos debe levarse a cabo de forma decidida se queremos contribuír a un futuro esperanzador para as novas xeracións.

Así o explicarán os educadores ambientais ao servizo de “Oportunidades Galicia”, iniciativa na que tamén colabora Ecoembes e Sogama, formando, instruíndo e aconsellando a todas as persoas que se acheguen ao punto informativo para que a súa contribución á preservación da contorna sexa efectiva, posibilitando igualmente o intercambio de coñecementos e experiencias.

Desde o inicio da súa actividade, fai máis dun ano, a campaña autonómica atendeu de forma directa a máis de 93.000 persoas e fíxoo en escenarios tan diversos como as rúas de múltiples municipios galegos, centros escolares, centros comerciais, eventos deportivos, sedes de asociacións, festas, mercados, feiras e un longo etcétera de emprazamentos co fin de chegar á maior porcentaxe de poboación posible.

O obxectivo  é claro e contundente: incrementar as taxas de reciclado en Galicia e, con isto , a calidade de vida de  a súa poboación e o seu progreso sostible.