A Campaña Oportunidades Galicia regresa ás praias da provincia de Pontevedra para formar aos usuarios das mesmas na reciclaxe
04/07/2017
Oportunidades Galicia percorre varias localidades coruñesas para fomentar a reciclaxe entre a poboación
06/07/2017

Oportunidades Galicia está hoxe presente no Campus de Verán Xuvenciencia que promove a USC no Campus de Lugo

  • Entre as 14:00 e as 15:30 horas, educadores medioambientais  desprazaranse á Facultade de Veterinaria do Campus Universitario de Lugo para divulgar entre os mozos os beneficios da reciclaxe e invitalos a participar no sistema.
  • A campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama.
  • O obxectivo do Campus XuvenCiencia, que este ano alcanza a súa quinta edición, é contribuír á divulgación da ciencia e a tecnoloxía entre o alumnado preuniversitario, contando para isto coa participación desinteresada de ao redor de 90 docentes e técnicos da USC, ademais de diversas institucións públicas e privadas.

 

No seu periplo por Galicia, a campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” aproveitará a ocasión que tamén brindan as citas académicas estivais para chegar coa súa mensaxe aos máis novos.

Hoxe mesmo, entre as 14:00 e a 15:30 horas, educadores medioambientais ao servizo desta iniciativa trasladaranse ao Campus de Verán XuvenCiencia, que promove a Universidade de Santiago de Compostela e que se imparte na Facultade de Veterinaria de Lugo, para instruír aos destinatarios nas vantaxes ambientais, económicas e sociais que reporta colaborar no sistema de recollida selectiva, trasladando ao mesmo tempo a necesidade de instaurar accións a través das cales se promova a redución de residuos en orixe, a reutilización e a separación dos mesmos por tipoloxías, depositando cada fracción nos contedores habilitados nas vías públicas para propiciar o seu posterior reciclado.

O encontro eríxese así nunha oportunidade para ampliar coñecementos, pero tamén para intercambiar experiencias e puntos de vista en torno á xestión sostible, eficaz e intelixente dos refugallos domésticos nun marco de economía circular.

Os participantes poderán aproveitar o encontro para consultar todas as súas dúbidas e complementar a información dispoñible. O obxectivo é que eles se convertan tamén en axentes do cambio e leven a cabo unha tarefa educativa en torno á necesidade de colaborar no sistema como garantía de futuro.

“Oportunidades Galicia” é unha campaña impulsada, coordinada e dirixida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama, sendo o seu principal obxectivo promover a reciclaxe na nosa comunidade e alcanzar maiores cotas de recuperación de materiais.

 

 

SOBRE CAMPUS DE VERÁN XUVENCIENCIA 2017

Trátase dunha actividade divulgativa organizada polo Grupo XuvenCiencia da USC e na que participan profesores de diferentes áreas e centros do Campus Terra de Lugo, cuxo obxectivo é contribuír á divulgación da ciencia e a tecnoloxía entre o alumnado preuniversitario, fomentando o seu interese polas titulacións científicas, técnicas e sociais,  e facilitando información para que poidan elixir con máis criterio e coñecemento.

Ademais da colaboración desinteresada de máis de 90 docentes e técnicos da USC, o Campus conta tamén co apoio doutros centros e institucións, como é o caso da Aula de Produtos Lácteos, o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, o Museo Provincial, o Viveiro de Empresas da CEL, a Fundación TIC e Consellos Reguladores, entre outros.

O evento deste ano, que terá lugar ata o próximo 8 de xullo, alcanza a súa quinta edición e foi organizado en colaboración co programa “A ponte entre o ensino medio e a USC”, contando coa axuda da Oficina de Cultura do Campus de Lugo.