O Concello de Redondela, gañador do concurso Convértete no Concello Máis Recicla-Activo
08/11/2017

Oportunidades Galicia distingue a Redondela como o concello máis activo na reciclaxe e na xestión sustentable dos residuos

  • A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, entregou esta mañá o premio “Ao Concello máis Recicla-Activo” ao municipio pontevedrés no marco da campaña “Oportunidades Galicia – Separemos ben. Reciclaremos mellor”.
  • Como gañador, Redondela recibiu un diploma acreditativo e un premio en equipamento urbano medioambiental valorado en 2.500 euros.
  • O concurso, aberto a todas as entidades locais e supra municipais que participaron na campaña, valorou o seu esforzo á hora de xestionar os residuos, fomentar unha correcta separación e sensibilizar á cidadanía sobre a materia....

 

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, entregou esta mañá ao Concello de Redondela un premio polo seu labor en materia de reciclaxe e xestión sostible de residuos no marco do concurso organizado pola campaña Oportunidades Galicia – Separemos ben. Reciclaremos mellor, liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio coa colaboración de Ecoembes e Sogama.

A convocatoria, que se abriu o pasado mes de febreiro baixo o título Convértete no Concello máis RECICLA-ACTIVO, estivo dirixida ás entidades locais e supra municipais que participaron en Oportunidades Galicia, unha campaña que percorreu ao longo de todo este ano a Comunidade Autónoma con diversas accións informativas para transmitir unha mensaxe positiva sobre a xestión dos residuos e a importancia da implicación cidadá na separación en orixe.

O obxectivo do concurso foi valorar o esforzo dos concellos que máis traballaron pola xestión sostible dos residuos no seu ámbito municipal, fomentando a correcta separación dos mesmos, con especial atención á segregación dos envases lixeiros e envases de papel e cartón, e sensibilizando á cidadanía sobre a necesidade de contribuír á reciclaxe.

Tras a valoración de todas as candidaturas recibidas, resultou gañador o Concello de Redondela pola súa implicación na xestión eficiente dos residuos municipais e a calidade e coherencia das actuacións desenvolvidas para contribuír a incrementar os niveis de reciclaxe no seu ámbito territorial. Como gañador, o concello pontevedrés recibiu un diploma acreditativo e un premio en equipamento urbano medioambiental valorado en 2.500 €.

Á hora de decantarse por Redondela entre todos os candidatos, o xurado, composto por representantes da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de Ecoembes e de Sogama, valorou sobre todo a implantación do seu Plan de Reciclaxe e Compostaxe Redondela (2016-2020), a constante evolución na mellora da súa recollida selectiva, así como as numerosas campañas e eventos desenvolvidos para o fomento da reciclaxe no municipio, entre os que destacan unha campaña de concienciación na compostaxe, outra de reciclaxe con motivo do entroido de verán, a campaña de Nadal solidaria de recollida de vidro ou a súa participación activa no Día do Medio Ambiente.

FONTE: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia