A Carreira “Corre pola Reciclaxe”, cita ineludible para os afeccionados ao running e os defensores do medio ambiente
07/09/2017
Coristanco e Trazo, no programa da campaña autonómica da reciclaxe
14/09/2017

“Oportunidades Galicia” dáse cita na Carreira Popular Benquerencia Terra-Mar de Barreiros e na Media Maratón As Catedrais de Ribadeo

  • A primeira terá lugar este domingo, día 10, na praia de Fontenla-Benquerencia, e a segunda celebrarase o 16 de setembro na contorna da praia das Catedrais.
  • En ambos casos, educadores ambientais ao servizo desta iniciativa, que promove a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, acompañarán a corredores e espectadores para formalos e asesoralos na mellor xestión dos residuos municipais.
  • Os tres erres estarán presentes en todo momento nas actividades a desenvolver polos monitores, instruíndo ao público obxectivo sobre como reducir a produción de lixo, como alongar a vida útil dos produtos e como propiciar o seu reciclado.
  • A campaña tamén chegará mañá ao Centro Comercial Carrefour de Lugo, e os días 12 e 13 farao ao Centro Comercial Aberto de Ribadeo e ao de Sarria.

 

A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” estará presente en dúas citas deportivas e sociais que terán lugar durante o presente mes de setembro na provincia de Lugo: a carreira popular Benquerencia Terra-Mar, no concello de Barreiros, que se desenvolverá na praia de Fontenla-Benquerencia, entre as 11:00 e as 14:00 horas, e a Media Maratón As Catedrais, que se celebrará o día 12 de setembro na contorna da praia das Catedrais, no municipio de Ribadeo, entre as 17:00 e as 20:00 horas.

En ambos casos, o obxectivo é acompañar a participantes e espectadores, e aproveitar a ocasión que estes eventos brindan para difundir as mensaxes de coidado e protección ambiental asociados ao reciclado.

Desta forma, educadores medioambientais serán os encargados de divulgar as boas prácticas asociadas ao principio dos tres erres, proporcionando as claves para reducir a produción de lixo, para alongar a vida útil dos produtos e para segregalos correctamente e depositalos nos contedores correspondentes como xesto indispensable co que garantir a súa recuperación.

Os monitores tamén se desprazarán mañá, e co mesmo fin, ao Centro Comercial Carrefour de Lugo, mentres que o día 12 faranno ao Centro Comercial Aberto de Ribadeo e o 13 ao Centro Comercial Aberto de Sarria. En todos os casos, estarán a disposición do público entre as 16:00 e as 19:00 horas.

 

Cada residuo no seu contedor

Neste marco, insistirán na necesidade de colaborar de forma efectiva no sistema de recollida selectiva e recordarán que o contedor amarelo acolle latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases ou envoltorios); que o azul resérvase para os envases de cartón e papel (nunca papeis e cartóns sucios, con restos de graxa ou plastificados, debendo retirar previamente os accesorios metálicos tales como arames, anelas e grapas); que o iglú verde destínase ao depósito de botellas, frascos e tarros de vidro (sen tapas, tapóns ou cortizas, debendo evitar os vidros especiais tales como restos de cristalerías, espellos, cristais de fiestras e parabrisas de coches); que hai un recipiente específico para pilas; e que o contedor verde convencional alberga unicamente a fracción resto, que entra dentro do circuíto de xestión de Sogama para a súa transformación en enerxía eléctrica, previa recuperación dos materiais reciclables contidos na mesma.

Os educadores procurarán en todo momento establecer un diálogo fluído cos cidadáns a fin de explicarlles, dunha forma didáctica, amena e construtiva, as vantaxes que trae consigo a xestión sostible dos residuos urbanos e os beneficios ambientais, económicos e sociais que suporía para Galicia incrementar as súas taxas de reciclaxe.

Ademais, os que así o desexen poderán cumprimentar, de forma anónima e voluntaria, enquisas de coñecementos e satisfacción, deixando constancia das súas impresións, observacións e comentarios sobre o modelo de xestión de residuos implantado na nosa Comunidade.

“Oportunidades Galicia” é unha campaña promovida e coordinada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama. Desde fai un ano circula de forma itinerante por toda a comunidade a fin de que a reciclaxe se instale en todos os recunchos do territorio galego, seguindo os preceptos da economía circular e o desenvolvemento sostible.