A campaña autonómica da reciclaxe visita o concello de Ponteareas
20/10/2017
Oportunidades Galicia supera a barreira dos 100.000 participantes
23/10/2017

Oportunidades Galicia, apoiando ao Trail Mugardos Montefaro

 

  • Educadores ao servizo desta campaña, que promove a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, instruirán a corredores e afeccionados na correcta xestión dos residuos urbanos e nas bondades da reciclaxe.
  • A carreira, que discorrerá pola montaña Montefaro, terá lugar o vindeiro domingo, día 22.
  • Os participantes serán obsequiados con diverso material divulgativo e de merchandising.

Eventos nos que se une a práctica deportiva e a vida saudable constitúen o escenario idóneo para divulgar mensaxes en favor do coidado e protección do medio ambiente. É por isto que a campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera e coordina a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, estará presente o vindeiro domingo, día 22,  nunha nova edición do Trail Mugardos Montefaro (A Coruña), unha carreira que discorrerá pola montaña Montefaro e na que os participantes poderán gozar da beleza dunha contorna singular.

Educadores ao servizo desta iniciativa aproveitarán a ocasión que brinda unha cita destas características para instruír a corredores e afeccionados na xestión sostible dos residuos urbanos, trasladándolles consellos e recomendacións sobre a necesaria aplicación diaria dos principios dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), e todo isto nun marco de economía circular que promove o máximo aproveitamento dos produtos e insta a abandonar o caduco sistema de vida lineal, caracterizado polas malas prácticas de usar e tirar, para transitar cara a un circular no que os residuos se transformen en recursos.

Dado que a única forma de contribuír á reciclaxe é a través da correcta separación dos refugallos en orixe, os monitores deteranse en explicar os materiais que deben e non deben ser depositados en cada un dos contedores que se atopan a disposición dos cidadáns nas vías públicas: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca cartóns e papeis plastificados, encerados, sucios e con restos de graxa, debendo ser retirados previamente accesorios tales como arames, grapas e argolas); iglú verde, para os envases de vidro (botellas, frascos e tarros, sen tapas, tapóns ou cortizas, evitando os vidros especiais tales como restos de cristalerías, espellos e parabrisas de coches, entre outros);  contedor específico para pilas; e verde convencional, para a fracción resto, que Sogama converte en electricidade desde a máxima pulcritude ambiental.

Participantes e interesados terán ocasión de consultar as súas dúbidas e serán obsequiados con diverso material divulgativo e de merchandising.