O colexio “Manuela Rial Mouzo” de Cee, gañador do mellor vídeo-proxecto sobre separación de residuos e reciclaxe
18/05/2017
A aula móbil da reciclaxe chega ao Barco de Valdeorras co obxectivo de axudar aos seus veciños a reciclar máis e mellor
26/05/2017

O tráiler da reciclaxe circulará polas localidades pontevedresas de Marín, Poio, Nigrán, A Guarda, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa

  • Este dispositivo divulgativo e lúdico forma parte da campaña “Oportunidades Galicia: separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que colabora Ecoembes e Sogama.
  • Estará atendido por educadores medioambientais, que se encargarán de informar e formar aos cidadáns na correcta xestión dos residuos urbanos, solventando todas as dúbidas que estes poidan presentar.
  • O tráiler compleméntase cun inchable, canastas e diversos xogos para goce de maiores e pequenos.
  • Desde agosto de 2016, a campaña autonómica da reciclaxe atendeu de forma personalizada a máis de 70.000 cidadáns.

Tras facer  escala en varias cidades galegas, o gran tráiler da reciclaxe, enmarcado na campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promove e lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, coa colaboración de Ecoembes e Sogama, desprazarase os próximos días a varios municipios da provincia de Pontevedra, conforme ao seguinte planning:

 

DATALOCALIDADEEMPRAZAMENTOHORARIO
20/05/17MarínAlameda16:00 a 20:00
23/05/17PoioCombarro-Praza Peirao da Chousa16:00 a 20:00
24/05/17NigránPraia América16:00 a 20:00
25/05/17A GuardaAlameda16:00 a 20:00
29/05/17Vilanova de ArousaFronte ao Pabillón Multiusos16:00 a 20:00
30/05/17Vilagarcía de ArousaPraza da segunda República (Praza do Auditorio)16:00 a 20:00

 

Atendido por educadores medioambientais, dende este dispositivo educativo levaranse a cabo diversas actividades divulgativas e lúdicas coas que se pretende informar, formar e concienciar aos cidadáns na correcta xestión dos residuos urbanos e proporcionalles as pautas necesarias para que poidan aplicar cada día, e con garantías, o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), cimento do modelo de desenvolvemento definido pola economía circular.

 

É por isto que os monitores insistirán na importancia que ten o consumo responsable de cara a reducir a produción de lixo en orixe, así como na necesidade de aproveitar ao máximo os produtos de cara a alongar a súa vida útil. Tamén se deterán en explicar os pormenores do sistema de recollida selectiva, concretando o que debe e non debe ser depositado en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama transforma, dende o máximo respecto medioambiental, en enerxía eléctrica suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos; un sistema co que se pretende poñer en valor aquela parte dos refugallos que non se pode reutilizar nin reciclar e que, de non ser recuperada enerxeticamente, acabaría desperdiciada en vertedoiro, co conseguinte impacto negativo sobre a contorna e a saúde.

 

 

Lecer e aprendizaxe

As actividades proxectadas desde o tráiler, e adaptadas a maiores e pequenos, serán complementadas con outros elementos tales como un inchable, canastas e diversos xogos para goce dos participantes, compaxinando desta forma a aprendizaxe co lecer e a diversión.

Este punto de encontro servirá tamén para que os interesados poidan despexar dúbidas e preguntar aquelas cuestións encamiñadas a solventar posibles erros. Ademais, os que así o desexen, terán a oportunidade de someterse, de forma anónima e voluntaria, a enquisas de coñecementos e satisfacción nas que deixarán constancia dos seus comentarios, observacións e opinións.

Oportunidades Galicia é unha campaña itinerante que arrancou en agosto de 2016 co obxectivo de crear conciencia en torno á necesidade de incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade para alcanzar importantes beneficios ambientais,  económicos e sociais.

 

Máis de 70.000 persoas atendidas

 

Desde entón, esta iniciativa atendeu de forma personalizada a máis de 70.000 persoas, utilizando para isyo diversos medios materiais como aulas móbiles e carpas informativas, emprazadas nun elevado número de municipios, ademais de estar presente en centros educativos, asociacións, centros comerciais, campamentos e eventos deportivos, entre outros escenarios.