Usuarios de COGAMI Lugo, veciños de Xermade e Mulleres Rurais de Cospeito, entre os próximos destinatarios de “Oportunidades Galicia”
18/09/2017
Oportunidades Galicia estará presente na cuarta edición do Festival Mar de Mares
22/09/2017

O Porriño, próximo destino da Campaña Autonómica da Reciclaxe

 

  • A aula móbil de “Oportunidades Galicia” chegará a este municipio pontevedrés o vindeiro venres,  22 de setembro.
  • O dispositivo estará atendido en todo momento por educadores medioambientais, que informarán e formarán aos cidadáns na materia, solventando as dúbidas que estes poidan presentar.
  • En todo caso, as explicacións dos monitores xirarán en torno ás boas prácticas vinculadas á menor produción de residuos, á reutilización dos produtos e á recollida selectiva dos mesmos para garantir o seu posterior reciclado.
  • A campaña, promovida e coordinada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta co apoio de Ecoembes e Sogama.

 

O Porriño será o próximo destino da campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promove e coordina a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coa colaboración e o apoio de Ecoembes e Sogama.

Educadores ao servizo desta iniciativa trasladaranse a esta localidade pontevedresa o próximo 22 de setembro e faranno coa aula móbil, que se emprazará na Avenida Domingo Bueno (fronte á Biblioteca), entre as 10:30 e as 14:00 horas.

Os monitores intentarán captar a atención dos asistentes para explicarlles as vantaxes da reciclaxe, a importancia que ten a súa colaboración no sistema e que xestos ou comportamentos deben despregar cada día para contribuír á protección do medio ambiente a través da correcta xestión dos residuos urbanos.

Neste sentido, proporcionaránselles as instrucións necesarias para que aprendan a reducir a produción de lixo en orixe, a alongar a vida útil dos produtos, a través da reutilización, e a segregalos por tipoloxías, unha vez convertidos en residuos, procedendo ao seu correcto depósito nos contedores axeitados para que poidan ser reciclados e convertidos en novos produtos.

Os educadores poranse a disposición dos visitantes para reforzar os seus coñecementos na materia, ampliar información e resolver posibles dúbidas.

A aula móbil converterase igualmente en punto de encontro para que os interesados poidan deixar constancia dos seus comentarios e observacións e que ata poidan intercambiar experiencias e opinións con outros usuarios, enriquecendo así a súa bagaxe.

 

Cada cousa no seu sitio

 

Dada a confusión existente respecto dos materiais que deben acoller os distintos recipientes de recollida selectiva, concretaranse e detallaranse as tipoloxías de residuos a introducir nos mesmos: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para os envases de cartón e papel (nunca cartóns e papeis sucios, plastificados e con restos de graxa, debendo ser retirados previamente accesorios tales como anelas, arames e grapas); iglú verde, para os envases de vidro (botellas, frascos e tarros, sen tapas, tapóns ou cortizas, evitando os vidros especiais tales como lámpadas, espellos, restos de cristalerías, cristais de fiestras e parabrisas de coches); contedor específico para pilas, que pode atoparse nas propias casas consistoriais, centros educativos, asociacións e establecementos comerciais; e verde convencional, para a fracción resto, que, no caso de Sogama, e previa separación dos elementos susceptibles de ser reciclados, é valorizada enerxeticamente con todas as garantías medioambientais e de protección da saúde pública.

O obxectivo  último de “Oportunidades Galicia” é incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e contribuír á economía circular como modelo co que garantir un desenvolvemento harmónico, equilibrado e sostible desde a dimensión ambiental, económica e social.