Éxito rotundo da Carreira “Corre pola Reciclaxe” celebrada onte en Ourense
25/09/2017
“Oportunidades Galicia” supera as 93.000 persoas atendidas de forma directa
27/09/2017

O Centro Comercial Aberto de O Barco de Valdeorras e de O Carballiño súmanse á reciclaxe

  • Un stand da campaña “Oportunidades Galicia”, que impulsa a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, trasladarase a estes centros hoxe e mañá, día 26 (O Barco) e 27  (O Carballiño), en horario de 16:00 a 19:00.
  • Educadores especializados instruirán aos visitantes nas vantaxes da reciclaxe e darán boa conta dos xestos a adoptar para contribuír á mesma.
  • Resolverán todas as dúbidas formuladas e orientarán o comportamento dos cidadáns desde o propio momento da adquisición dos produtos ata que estes son depositados nos contedores correspondentes, unha vez convertidos en residuos.

A campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” estará presente nos Centros Comerciais Abertos dos municipios ourensáns de O Barco de Valdeorras e O Carballiño hoxe e mañá, días 26 e 27 de setembro respectivamente, en horario de 16:00 a 19:00.

A través dun stand, educadores especializados explicarán aos visitantes as vantaxes da reciclaxe e animaranlles a participar de forma activa na recollida selectiva de residuos, depositando cada material no contedor correspondente. Non obstante, e baixo a máxima de que “o mellor residuo é o que non se produce”, non esquecerán a importancia que ten reducir a xeración de lixo en orixe, a través dun consumo racional e responsable, e alongar a vida útil dos produtos mediante a reutilización. Usar o papel polas dúas caras, transformar un tarro de vidro nun lapiseiro ou nun obxecto decorativo, e aproveitar as sobras das comidas para elaborar novos menús poderían ser claros exemplos do doado que pode resultar participar no sistema.

Así mesmo, darán a coñecer os beneficios que entraña a reciclaxe e as posibilidades que esta ofrece para a diminución da contaminación, o aforro de recursos e a loita contra o cambio climático: mentres que 8 caixas de cereais pódense transformar nun libro, con 40 botellas de pet pódese fabricar un forro polar, con 8 botes de conserva, unha pota de cociña, con 80 latas de refresco, unha lamia dunha bicicleta, con 550 latas de aluminio, unha cadeira, e con 6 briks, unha caixa de zapatos. E todo isto grazas a un sinxelo hábito: separar os envases no fogar e introducilos no recipiente axeitado.

Os monitores resolverán tamén todas as dúbidas que poidan presentar os cidadáns e corrixirán os erros máis comúns á hora de segregar os residuos, téndose detectado unha maior confusión no contedor amarelo, que se reserva unicamente para as latas, os briks e os envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios), e o azul, destinado a acoller envases de cartón e papel (nunca papeis e cartóns sucios, plastificados, encerados e con restos de graxa, debendo evitar os accesorios tales como grapas, arames e anelas).

 

Menos residuos e máis reciclaxe

Con esta campaña, que xa percorreu boa parte de Galicia, estando presente nas rúas dos municipios, en centros educativos, asociacións, campamentos e eventos deportivos, entre outros escenarios, preténdese instruír aos cidadáns, tanto a maiores como a pequenos, na xestión sostible dos residuos, proporcionándolles as pautas para colaborar no sistema desde o mesmo momento en que adquiren os produtos ata que os depositan nos contedores axeitados, unha vez convertidos en refugallos. E todo isto cun loable fin: incrementar as taxas de reciclado en Galicia, mellorar o medio ambiente e, xa que logo, o benestar e calidade de vida de todos os galegos.