A campaña da reciclaxe chega a Lugo da man da Consellería de Medio Ambiente
04/10/2017
A carpa informativa da reciclaxe, mañá en Santiso
18/10/2017

O Centro Comercial Aberto de Carballo recibe a visita de Oportunidades Galicia

  • O obxectivo é que educadores especializados poidan formar á clientela nas boas prácticas no ámbito dos residuos urbanos.
  • A cita será mañá, 18 de outubro, entre as 16:00 e as 19:00 horas.
  • Os monitores instruirán aos interesados na prevención, a redución, a reutilización e a reciclaxe, prestando especial atención aos xestos e comportamentos que deben ser despregados para dar resposta ás demandas da economía circular.
  • A iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta co apoio de Ecoembes e Sogama.

O Centro Comercial Aberto de Carballo recibe mañá, día 18, a visita da campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” a fin de que educadores especializados poidan formar á clientela na boas prácticas no ámbito dos residuos urbanos.

A través dun stand, os monitores atenderán aos cidadáns, entre as 16.00 e as 19:00 horas, e explicaranlles os xestos e comportamentos a adoptar para previr a xeración de lixo, para promover a reutilización dos produtos e para segregalos correctamente, unha vez convertidos en residuos, e depositalos nos colectores axeitados. Este último aspecto constituirá unha prioridade, tendo en conta que si non hai unha correcta selección previa dos distintos materiais, a reciclaxe crébase e non se obterán os beneficios derivados da mesma, tanto desde a dimensión ambiental (aforro de enerxía e materias primas) como desde a económica (xeración de riqueza e emprego) e social (maior benestar e calidade de vida para a cidadanía).

 

Separar para reciclar

Neste sentido, os monitores concretarán o que debe e non debe ser introducido en cada recipiente: amarelo, unicamente para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases ou envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca cartóns e papeis plastificados, sucios e con restos de graxa, debendo retirar previamente posibles elementos accesorios tales como grampas, anillas e arames); iglú verde, para envases de vidro (botellas, tarros e frascos, sen tapas, tapóns ou cortizas, evitando vidros especiais tales como restos de cristalerías, espellos, cristais de fiestras e parabrisas de coches); colector para pilas, a disposición da poboación en casas consistoriais, centros escolares, centros de colectivos sociais e establecementos comerciais; e verde convencional, para a fracción resto, da que se encarga Sogama a través da súa conversión en enerxía. Neste sentido, cabo recordar que esta empresa pública produce, a partir dos residuos non reciclables, e utilizando tecnoloxías limpas e de última xeración, a electricidade suficiente para abastecer o 12% dos fogares galegos.

Así mesmo, non debe esquecerse o traballo que o concello de Carballo está levando a cabo no ámbito da compostaxe doméstica, nalgúns casos coa colaboración de Sogama, xa que son moitas as vivendas unifamiliares con xardín e horto que contan cun composteiro no que reciclan a materia orgánica, converténdoa nun abono de excelente calidade para o chan. Unha práctica que aforra diñeiro, recursos e emisións de CO2.

 

Máis de 100.000 persoas atendidas

“Oportunidades Galicia” é unha iniciativa liderada e coordinada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, na que colabora Ecoembes e Sogama, cuxo principal obxectivo é incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e dar cumprimento aos preceptos da economía circular: máis recuperación e menos vertido.

A campaña, que xa atendeu a máis de 100.000 persoas de forma directa, tivo e ten unha presenza destacada en distintos puntos de Galicia, levando a cabo actividades en ámbitos tan diferentes como as rúas dos concellos, centros educativos, centros comerciais, campamentos, feiras, mercados, festas e eventos deportivos, entre outros.