Mato 02
A conselleira de Medio Ambiente visita en Abegondo o aula móbil da Campaña Oportunidades Galicia
17/05/2017
Captura de pantalla 2017-03-23 a las 19.42.07
O colexio “Manuela Rial Mouzo” de Cee, gañador do mellor vídeo-proxecto sobre separación de residuos e reciclaxe
18/05/2017

Mos e Ponte Caldelas aúnan esforzos en aras dun maior reciclado

 

  • A aula móbil da campaña “Oportunidades Galicia: Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promove a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, chegará  a Mos o vindeiro domingo, día 21, e o 26 farao a Ponte Caldelas. En ambos casos, co obxectivo de formar aos veciños nunha mellor xestión dos residuos urbanos.
  • Serán educadores medioambientais os encargados de levar a cabo este labor e tomar nota dos comentarios, observacións e propostas dos cidadáns, instruíndoos na práctica dOs tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
  • Ademais, o día 30 os monitores desprazaranse á sede de APE Galicia para impartir unha charla orientada a instaurar tamén a reciclaxe na cultura de autónomos e pequenas empresas.

Os concellos pontevedreses de Mos e Ponte Caldelas aúnan esforzos para contribuír a un maior reciclado e, con tal fin, decidiron acoller en próximas datas A aula móbil da campaña autonómica “Oportunidades Galicia.Separemos ben, reciclaremos mellor”, pretendendo a través da mesma informar, formar e asesorar á veciñanza nunha xestión máis eficiente dos residuos que permita loitar contra a contaminación e mellorar o benestar e calidade de vida da poboación.

Serán educadores medioambientais os que, a través deste dispositivo, instruirán aos cidadáns para que, desde os seus fogares, os seus postos de traballo ou o seu tempo de lecer, contribúan a unha maior sostibilidade. A incorporación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) aos hábitos diarios constituirá o cimento sobre o que construír unha xestión exitosa que permita reducir a produción de lixo en orixe, así como aproveitar ao máximo os produtos ata esgotar a súa vida útil, sendo unicamente viable a reciclaxe se hai unha previa selección dos refugallos en orixe e estes son introducidos nos contedores adecuados.

Dada a confusión que algúns cidadáns poden ter ao respecto, os monitores deteranse en concretar os materiais que deben e non deben ser depositados en cada recipiente. Un sinxelo xesto como destinar cada cousa ao seu lugar, garantirá que os residuos se convertan en novas materias primas, contribuíndo ao aforro medioambiental e económico. De non seguir este itinerario, o sistema québrase, impedindo completar o ciclo de recuperación dos residuos e a súa conversión en recursos.

Así mesmo, os veciños terán oportunidade de expoñer as súas opinións sobre o sistema de recollida selectiva implantado en Galicia e ata someterse a enquisas de coñecementos e satisfacción nas que poderán deixar constancia da súa bagaxe e experiencias.

Máis reciclaxe, maiores beneficios

Oportunidades Galicia é unha campaña itinerante que promove a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co obxectivo de que cada vez sexan máis os cidadáns que se sumen a ese gran reto que supón incrementar os niveis de reciclado en Galicia, tendo en conta dos beneficios que iso implicaría desde a dimensión ambiental, económica e social.

A iniciativa, que conta co apoio de Ecoembes e Sogama, vénse desenvolvendo en diferentes escenarios (concellos, centros educativos, asociacións, eventos deportivos, etc) desde o pasado mes de agosto, tendo chegado de forma directa a máis de 70.000 persoas.

A aula estará en Mos o vindeiro domingo, día 21, e a Ponte Caldelas  chegará o 26 de deste mesmo mes.

EN APE GALICIA

Ademais, o día 30, os educadores impartirán unha charla na sede da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) a fin de que os seus membros poidan coñecer con máis precisión a problemática representada polos residuos e leven a cabo accións que lles permitan contribuír á súa solución, colaborando na implantación e difusión de boas prácticas para que estas se asenten e formen parte da cultura empresarial.