Máis de 82.000 participantes na campaña “Oportunidades Galicia”
20/07/2017
A reciclaxe dáse cita no Parque Arenal de Cabanas
31/07/2017

Monterrei e Castrelo de Miño súmanse á campaña autonómica “Oportunidades Galicia” para incentivar a reciclaxe

  • Unha carpa informativa atendida por educadores ambientais trasladarase a ambos concellos para instruír a veciños e visitantes na correcta xestión dos residuos municipais.
  • O dispositivo chegará a Monterrei o vindeiro luns, 24 de xullo, mentres que a Castrelo de Miño farao o día 30.
  • A campaña, liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta coa participación de Ecoembes e Sogama, sendo o seu principal obxectivo incrementar as taxas de reciclado en Galicia.

 

Os concellos ourensáns de Monterrei e Castrelo de Miño súmanse á campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, coa colaboración de Ecoembes e Sogama, a fin de impulsar a reciclaxe nos seus respectivos ámbitos territoriais e contribuír así a un desenvolvemento máis sostible e próspero.

A ambas localidades trasladarase unha carpa informativa que estará atendida en todo momento por educadores ambientais. A Monterrei chegará o vindeiro luns, día 24, ubicándose no Campo do Souto, entre as 16:00 e as 19:00 horas, e a Castrelo de Miño farao o día 30, emprazándose no Parque Naútico, entre as 11:30 e as 14:00 horas.

 

A separación, clave para a reciclaxe

Os monitores recordarán en todo momento a importancia que ten a aplicación do principio estratéxico dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) por parte dos cidadáns para recuperar a maior parte do lixo, facéndose necesario reducir a súa produción en orixe, alongar ao máximo a vida útil dos produtos e separalos por tipoloxías, unha vez convertidos en residuos, introducíndoos nos contedores axeitados: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que viaxa desde a provincia de Ourense a Cerceda , previo paso polas correspondentes plantas de transferencia, para recibir a xestión axeitada.

Tamén se enxalzarán os beneficios da autocompostaxe, toda vez que un bo número de concellos da provincia atópanse adscritos ao programa de compostaxe doméstico impulsado pola Deputación de Ourense e no que colabora Sogama. O obxectivo desta iniciativa é pechar o círculo de reciclaxe da materia orgánica en orixe e convertela nun abono natural de calidade e con excelentes propiedades nutritivas para o solo, podendo ser utilizado nos xardíns e hortas das propias familias participantes.

Todos os que se acheguen á carpa informativa, ademais de recibir as correspondentes explicacións, terán ocasión de consultar as súas dúbidas, así como de trasladar os seus comentarios e observacións.