Os usuarios da Escola de Tempo Libre “Arenaria” de Padrón instrúense na reciclaxe
28/06/2017
Os bañistas das praias de Ferrol serán formados na reciclaxe a través da Campaña Oportunidades Galicia
30/06/2017

Membros da Asociación Raiolas de Lugo fórmanse na reciclaxe coa axuda da Campaña Oportunidades Galicia

  • Educadores ao servizo desta iniciativa desprazaranse o vindeiro venres, 30 de xuño, á sede da organización para impartir charlas sobre a xestión sostible dos residuos urbanos e obsequiar aos usuarios con xogos e outras actividades lúdicas a fin de potenciar a súa activa colaboración no sistema.
  • A campaña está promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama.
  • Cun marcado carácter itinerante, xa percorreu desde agosto de 2016 un bo número de localidades galegas para instruír á poboación nas vantaxes da reciclaxe e potenciar a súa activa participación na aplicación práctica do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
  • A asociación Raiolas integra a pais e nais de persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), constituíndose nun servizo de apoio especializado para mellorar a calidade de vida dos usuarios.

Educadores ao servizo da campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promove a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que participa Ecoembes e Sogama, desprazaranse este venres, 30 de xuño, ata a sede da Asociación Raiolas de Lugo para fomentar entre os seus membros as boas prácticas vinculadas á reciclaxe.

A través de charlas e, sobre todo, de xogos adaptados ao nivel educativo e perfil dos usuarios, os monitores, tras poñer a proba os coñecementos que o colectivo ten na materia, articularán un plan de acción para que estes adquiran as nocións básicas relativas á xestión sostible dos residuos urbanos e aprendan, no seu día a día, a reducir a produción en orixe, consumindo de forma responsable; a reutilizar os produtos o maior número de veces antes de convertelos en refugallos; e a separalos por tipoloxías, depositando cada fracción no contedor correspondente: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca cartóns e papeis sucios, con restos de graxa, plastificados ou con elementos accesorios tales como grampas, arames, espirais e argolas); iglú verde, para botellas, frascos e tarros de vidro (sen tapas, tapóns e corchos, debendo evitar os vidros especiais tales como espellos, restos de cristalerías, cristais de fiestras e parabrisas de coches); recipiente específico para pilas; e contedor verde xenérico, para a fracción resto.

Tamén se falará da compostaxe doméstica como alternativa de gran interese para a xestión e tratamento da materia orgánica, permitindo pechar o circuíto de reciclaxe da mesma en orixe e, polo tanto, obter importantes beneficios ambientais, económicos e sociais. De feito, un total de 57 entidades da provincia de Lugo (37 concellos, 15 centros educativos e 5 colectivos sociais) atópanse adscritas ao programa da autocompostaxe de Sogama, tendo repartido entre as mesmas 2.244 compostadores.

As actividades instrutivas e lúdicas a desenvolver na asociación Raiolas constituirán unha magnífica ocasión para que usuarios e familiares poidan percibir con máis nitidez o problema que representan os residuos, pero que tamén os visualicen como unha oportunidade para transformarse en recursos de utilidade se se fai un bo uso dos mesmos.

Cunha dimensión claramente itinerante, Oportunidades Galicia atópase percorrendo a comunidade galega desde agosto do pasado ano, estando presente, a través de distintos dispositivos divulgativos (carpas, aulas e tráileres, entre outros) nas rúas de numerosos concellos, tendo igualmente visibilidade en centros educativos, centros comerciais, mercados, feiras, festas, asociacións e eventos deportivos.

Calquera contorna é válida para dar a coñecer e difundir a súa mensaxe en favor da reciclaxe e a oportunidade que esta representa para a protección do medio ambiente, o crecemento económico, a creación de emprego e a cohesión social.

Sobre a Asociación Raiolas

Con cobertura para a cidade de Lugo e provincia, esta asociación integra a pais e nais de persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), constituíndose nun servizo de apoio especializado a través do cal se levan a cabo toda unha serie de actividades que teñen como horizonte a mellora da calidade de vida dos usuarios, procurando su plena integración familiar e social.