A carpa informativa de Oportunidades Galicia percorrerá as localidades coruñesas de San Sadurniño, Aranga e Cariño para promover unha maior colaboración no reciclado
28/04/2017
As accións de Street Marketing da Campaña Oportunidades Galicia chegan mañá a cidade de Ourense
02/05/2017

Máis reciclaxe en Sanxenxo coa aula móbil de Oportunidades Galicia

  • O punto informativo e formativo, que estará atendido en todo momento por educadores medioambientais, emprazarase na rúa Rafael Picó, de 11:00 a 15:00 horas.

 

  • A xestión sostible dos residuos urbanos constitúe o principal obxectivo da campaña autonómica da reciclaxe, que lidera e coordina a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando co apoio de Ecoembes e Sogama.

 

  • A aula móbil eríxese así no punto de encontro para que os interesados poidan enriquecer os seus coñecementos na materia, ademais de solventar dúbidas, deixar constancia das súas observacións e comentarios, e intercambiar experiencias.

 

  • A autoxestión da materia orgánica constitúe outra das temáticas a abordar, toda vez que o concello  de Sanxenxo atópase adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, recibindo no seu momento, de mans desta empresa pública, máis de 70 composteiros, que foron distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares.

 

A aula móbil da campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, chegará mañá, 29 de abril, a Sanxenxo, municipio turístico por excelencia, para informar e formar a veciños e visitantes na correcta xestión dos residuos urbanos.

O dispositivo, que se ubicará na rúa Rafael Picó (Portonovo), entre as 11:00 e as 15:00 horas, e ao fronte do cal atoparanse educadores especializados na materia, eríxese en punto de encontro para todos os cidadáns que teñan interese en mellorar a súa colaboración de cara a alcanzar un maior reciclado, dados os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.

Diminuír a xeración de lixo en orixe, promover a reutilización e o máximo aproveitamento dos produtos, e separalos correctamente en orixe unha vez convertidos en residuos, constituirán as principais mensaxes a lanzar por unha iniciativa cuxo carácter itinerante permitiulle atender de forma personalizada a máis de 65.000 habitantes en escenarios tales como praias, centros educativos, asociacións, centros comerciais, campamentos e eventos deportivos, entre outros). Desta forma puido chegar a diferentes públicos para dar resposta ás súas necesidades e inquietudes.

Dado que a correcta separación en orixe das diversas fraccións que conforman o lixo constitúe a principal garantía para o reciclado do mesmo, os monitores encargaranse de detallar coa máxima precisión os materiais que deben e non deben ser depositados en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto.