IMG-20170723-WA0037
Os usuarios das praias de Almieiras, en Fene, e Doniños, en Ferrol, recibirán clases de reciclaxe
28/08/2017
13
Pazos de Borbén, Poio, A Estrada, Pontevedra e O Porriño, na axenda de “Oportunidades Galicia”
01/09/2017

Máis de 87.000 persoas atendidas pola campaña galega da reciclaxe, “Oportunidades Galicia”

IMG_0251

 

  • Liderada e coordinada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta igualmente coa colaboración de Ecoembes e Sogama.
  • Trala súa posta en marcha, en agosto de 2016, e ata xullo do ano en curso, a través desta iniciativa materializáronse 1.872 accións en concellos, centros educativos, centros comerciais, asociacións, praias, campamentos e eventos deportivos e culturais, entre outros escenarios.
  • Para isto utilízanse ferramentas de apoio tales como aulas móbiles, tráilers e carpas informativas, que son atendidas en todo momento por educadores medioambientais especializados en residuos urbanos.
  • Estes dispositivos concíbense tamén como puntos de encontro a través dos cales os cidadáns reciben as instrucións oportunas sobre unha mellor xestión dos refugallos que producen cada día, trasladan as súas dúbidas e comparten experiencias con outras persoas interesadas.

 

Tras case un ano en activo, a campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera e coordina a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, atendeu de forma directa a 87.214 persoas e fíxoo a través de 1.872 accións materializadas en distintos escenarios tales como as rúas de numerosos concellos, centros educativos, centros comerciais, sedes de asociacións, praias, campamentos e eventos deportivos e culturais, entre outros.

O obxectivo último desta iniciativa non é outro que trasladar á poboación  as boas prácticas ambientais relativas á xestión sostible dos residuos domiciliarios e instruílos e asesoralos sobre os hábitos e comportamentos a adoptar para producir menos lixo, para aproveitar ao máximo os produtos e alongar a súa vida útil e para segregalos correctamente por fraccións e propiciar así o seu posterior reciclado, unha vez depositados nos contedores correspondentes: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a parte non reciclable.

 

Selección de residuos no modelo SOGAMA

 

No modelo Sogama, tanto o contido do recipiente amarelo (bolsa amarela) como do verde xenérico (bolsa negra) son xestionados por esta empresa pública. No primeiro caso, a través dunha planta de clasificación, onde se separan por tipoloxías os distintos materiais, utilizando mecanismos tales como lectores ópticos, campás aspiradoras, electroimáns e correntes de Foucault. Tras ser prensados e embalados, o seu destino son os centros recicladores, onde cobran unha nova vida a través da súa transformación en novos produtos, permitindo desta forma un notable aforro de recursos.

Respecto da bolsa negra, tras segregar a parte susceptible de ser recuperada materialmente (aceiro, aluminio e vidro), o resto transfórmase nun combustible CDR que é valorizado enerxeticamente nunha planta termoeléctrica. Neste sentido, cabe recordar que Sogama produce o equivalente ao 12% da electricidade consumida nos fogares galegos, un proceso que leva a cabo desde a máxima pulcritude ambiental e o absoluto respecto á contorna e á saúde pública. Proba disto son os seus parámetros de emisión á atmosfera, situados en todos os casos moi por baixo dos límites legais.

Pola súa banda, o papel/cartón, o vidro e as pilas son entregados directamente polos concellos a xestores autorizados a fin de que sexan tratados conforme ás súas características.

 

Dispositivos de apoio

 

A través de aulas móbiles, carpas informativas e tráilers, e coa axuda de educadores medioambientais especializados, “Oportunidades Galicia” conseguiu chegar coa súa mensaxe a numerosos recunchos da nosa comunidade, sendo o seu fin último incrementar as taxas de reciclado e avanzar cara ao cumprimento das directrices recollidas no novo modelo de economía circular: menos residuos e máis reciclaxe; unha tarefa na que tamén participa activamente Ecoembes e Sogama.

Os puntos informativos habilitados en cada caso eríxense igualmente en lugares de encontro onde os cidadáns, ademais de ser instruídos na materia por parte dos monitores, deixan constancia dos seus comentarios e observacións, intercambian experiencias e avalían incluso as tarefas enmarcadas na campaña a través de enquisas de satisfacción, voluntarias e anónimas.

En canto ás dúbidas máis habituais, predominan as vinculadas ao contedor amarelo, sobre o que existe maior confusión, xa que en moitos casos identifícase con todo tipo de plásticos, cando no mesmo unicamente deben introducirse envases e envoltorios de plástico, ademais de latas e briks. Tamén sobre o azul existen dúbidas, xa que nalgúns casos se descoñece que no mesmo non se poden depositar cartóns e papeis sucios e con restos de graxa.