54e85a94-fa6b-4cff-9fb8-1ea4ecd47002
Os bañistas das praias de Dumbría, Fisterra, Muros, Laracha e Camariñas serán formados na reciclaxe
13/07/2017
IMG_20170607_123229
Monterrei e Castrelo de Miño súmanse á campaña autonómica “Oportunidades Galicia” para incentivar a reciclaxe
21/07/2017

Máis de 82.000 participantes na campaña “Oportunidades Galicia”

IMG_20170603_115229
  • Este é o balance provisional dunha iniciativa que arrancou en agosto do pasado ano co obxectivo de informar, formar e concienciar á poboación sobre a necesidade de contribuír a unha xestión sostible dos residuos municipais como garantía de benestar, calidade de vida e futuro.
  • Liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama, estando a disposición da cidadanía a través de distintos soportes e escenarios.
  • Tráileres, aulas móbiles e carpas informativas son algúns dos elementos dos que se serve a campaña para levar a súa mensaxe a distintos sectores sociais, estando presente en concellos, centros escolares, centros comerciais, asociacións, eventos deportivos, festas, feiras, mercados e campamentos, entre outros.
  • Educadores ambientais especializados son os encargados de instruír aos destinatarios, resolvendo posibles dúbidas, tomando nota dos seus comentarios e observacións, e facilitando o intercambio de coñecementos e experiencias.

A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, segue sumando. Desde agosto do pasado ano, xa son máis de 82.000 as persoas que participaron activamente na mesma a través dalgunha das 1.800 accións postas en marcha.

Cabe recordar que esta iniciativa, promovida, liderada e coordinada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coa colaboración de Ecoembes e Sogama, está a disposición da poboación a través de distintos escenarios e soportes. É o caso do tráiler da reciclaxe, a aula móbil ou a carpa informativa, dispositivos todos eles atendidos por educadores medioambientais que viaxan polos concellos galegos captando a atención de veciños, visitantes e turistas a fin de instruílos na correcta xestión dos residuos urbanos e proporcionarlles as pautas necesarias para que leven á práctica cada día o principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) como garantía de benestar, calidade de vida e futuro.

Pero a campaña tamén está presente en centros escolares, centros comerciais, asociacións, eventos deportivos, festas, mercados, feiras e campamentos de verán, onde os monitores instrúen aos usuarios con talleres e xogos a fin de que interioricen as nocións básicas da reciclaxe dunha forma amena e divertida.

Concursos para incentivar a reciclaxe

Así mesmo, cabe recordar que, no marco de “Oportunidades Galicia” tamén se convocaron tres concursos, dous dos cales xa foron resoltos.

O primeiro deles, e baixo a denominación “Crea o teu vídeo-proxecto sobre a separación de residuos e a reciclaxe”, dirixiuse a escolares de ESO e Bacharelato, recaendo o galardón nunha alumna do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee (A Coruña) polo seu vídeo “Eu reciclo, e ti?”, sendo obsequiada con entradas para o Parque Zoológico de Marcelle, en Outeiro de Rei (Lugo). Pola súa banda, o colexio ao que pertence recibiu un vale de 800 euros canxeable por material educativo.

No caso do segundo certame, proclamouse gañadora unha alumna do primeiro curso de Xoiería Artística da Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela polo seu traballo “90 por cento reciclaxe, 10 por cento imaxinado. A natureza recicla sempre: semente-vaina-froito”, sendo gratificada cunha visita ao Museo Reina Sofía de Madrid, con estancia incluída de dúas noites de hotel. Do mesmo xeito que no caso anterior, o centro tamén recibiu un vale canxeable, por importe de 800 euros, para material didáctico e divulgativo.

En marcha está o concurso dirixido ao concello máis Recicla-Activo, co que se pretende gratificar o esforzo dos municipios en canto a xestión sostible dos residuos. Con tal fin, valoraranse todas aquelas accións postas en marcha polas entidades locais para fomentar a correcta separación do lixo, así como o grao de participación nesta campaña a través da acollida do tráiler da reciclaxe ou o aula móbil.

Os entes locais interesados en presentar as súas candidaturas deberán aportar unha memoria descritiva das iniciativas medioambientais desenvolvidas no seu termo municipal. O fallo darase a coñecer o próximo 31 de outubro e o gañador será obsequiado con equipamento medioambiental consistente en papeleras triplo Eco ou similar, valorado en 2.500 euros.

De volta ás praias

Co inicio do verán, a campaña volveu a facer acto de presenza nas praias. Os monitores, apoiados polA aula móbil, desprázanse por distintos arenais galegos co obxectivo de instruír a pequenos e maiores en torno a aqueles xestos e comportamentos que resultan claves para reducir a produción de lixo, pero tamén para alongar a vida útil dos produtos e para recuperalos, unha vez convertidos en residuos, debendo ser depositados previamente nos contedores correspondentes.

A través dun diálogo fluído e próximo cos cidadáns, estes teñen a oportunidade de trasladar as súas dúbidas aos educadores, concretar distintos aspectos do seu interese, dar a coñecer as súas concepcións sobre a xestión dos residuos e intercambiar coñecementos e experiencias con outras persoas.

A información dispoñible pode ser complementada a través do sitio web www.oportunidadesparareciclar.gal, constituíndo tamén as redes sociais da campaña en Facebook, Twitter e Instagram unha magnífica ocasión para compartir puntos de vista.