A reciclaxe estará presente en Verín, Manzaneda e Nogueira de Ramuín
17/03/2017
Educadores medioambientais desprázanse a San Xoan de Río para asesorar aos veciños na correcta separación dos residuos
28/03/2017

Máis de 56.000 persoas participaron activamente na campaña “Oportunidades Galicia” nos últimos seis meses

hdr

•Liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama, sendo o seu principal obxectivo incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade.

•A través de diferentes soportes divulgativos, a campaña circulou por máis de 200 municipios, adaptándose ao perfil e características dos distintos colectivos sociais para facer chegar a súa mensaxe.

•Tamén estivo presente en 163 centros educativos, 43 asociacións, 28 centros comerciais, 10 eventos deportivos e 3 campamentos.

•No marco da mesma, convocáronse igualmente concursos destinados a centros educativos e escolas de arte a través dos cales pretende estimularse a creatividade e a imaxinación dos mozos no ámbito da reutilización e a reciclaxe.

•O sitio web da campaña www.oportunidadesparareciclar.gal constitúe un punto de referencia para todos os que desexan mellorar os seus coñecementos e habilidades respecto da recollida selectiva.

Desde os seus inicios, en agosto de 2016, e ata o mes de febreiro do ano en curso, un total de 56.223 persoas participaron, a través de máis de 1.300 accións, na campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promove e lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando co apoio e a colaboración de Ecoembes e Sogama.

O obxectivo desta iniciativa, que arrancou con actividades nos areais galegos durante o pasado verán a fin de concienciar e sensibilizar a usuarios e turistas en xeral sobre a necesidade de contribuír ao reciclado, foise expandindo progresivamente por toda a xeografía galega a través de accións desenvolvidas nos municipios, a pé de rúa, así como en centros escolares, asociacións, centros comerciais e eventos deportivos, contemplando igualmente visitas a Sogama.

A diversidade de actuacións, adaptadas a distintos perfís sociais, obedece á necesidade de chegar ao maior número de cidadáns para que entre todos, e desde a unidade, se consigan incrementar os índices de reciclado na nosa comunidade e se senten os cimentos para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento centrado na economía circular.

ACCIÓNS EN CONCELLOS

A través de distintos dispositivos divulgativos, a campaña circulou por un bo número de localidades a fin de informar e formar aos cidadáns nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos. Utilizando unha aula móbil e unha carpa informativa, equipos de educadores ambientais lograron captar a atención dos transeúntes para explicarlles con detalle o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e como incorporalos á vida diaria. Neste sentido, proporcionáronse as pautas para minimizar a xeración de residuos a través dun consumo responsable, para alargar a vida útil dos produtos mediante a reutilización dos mesmos e para segregalos por tipoloxías, unha vez convertidos en refugallos, e depositalos nos contedores correspondentes: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama logra converter en electricidade, evitando o seu depósito no vertedoiro, a opción menos desexable polo seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.

Mentres que a aula móbil, con destino a concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes, circulou por preto dun centenar de concellos, chegando a 13.302 persoas, a carpa informativa, orientada a localidades con menos de 5.000 habitantes, fíxoo por 122, atendendo a 12.341 participantes. En total, estariamos a falar de accións itinerantes en máis de 200 municipios e 25.643 persoas atendidas.

Ademais das explicacións e aclaracións dispensadas polos monitores, os cidadáns, a través destes soportes divulgativos, tiveron a oportunidade de solventar dúbidas e corrixir erros. E os que así o quixeron voluntariamente, tamén participaron en enquisas a través das cales puxeron a proba os seus coñecementos, deixando ao mesmo tempo constancia das súas observacións, comentarios e ata propostas de mellora respecto do sistema de recollida selectiva implantado en Galicia.

OUTROS ESCENARIOS

En asociacións e colectivos sociais, a tarefa dos educadores centrouse na impartición de charlas sobre a problemática que, nas sociedades modernas, representa a inxente cantidade de residuos xerados, e formas de atallala, establecendo coloquios para que os asistentes poidan expoñer o seu posicionamento e se proceda ao intercambio de experiencias. Un total de 43 asociacións e colectivos xa formaron parte desta iniciativa, aglutinando a 847 participantes.
Os centros educativos foron outra das prioridades, dada a amplificación que a mensaxe pode ter nos mesmos, constituíndo unha vía de interese para chegar ás familias e contorna social máis inmediata dos escolares. Presentacións, vídeos, xogos, talleres, etc, constitúen algúns dos instrumentos utilizados para incrementar a receptividade medioambiental do ámbito educativo. Ademais, trala realización de actividades, dotouse aos colexios con distintos recursos didácticos para que a reciclaxe siga a estar presente nas aulas e se configure como materia transversal a todas as materias obxecto de estudo. Un total de 163 centros xa recibiron a visita da campaña, desenvolvendo nos mesmos 1.046 accións e formando a 21.745 persoas.

En 28 centros comerciais, as actividades desenvolvéronse a través dun stand informativo e talleres formativos que conseguiron centrar a atención de 4.967 persoas.

Os eventos deportivos constituíron outra das liñas de actuación de interese. Neste caso, a aula móbil viuse reforzada cun inchable orientado aos máis pequenos e co que puideron aprender e divertirse. A través de 10 competicións deportivas tomouse contacto con 2.080 persoas.

Ademais, tamén se desenvolveu algunha acción en tres campamentos, con 65 persoas, e se articularon diversas actuacións a través dun programa de visitas ao complexo medioambiental de Sogama no que participaron 8 colectivos conformados por un total de 304 persoas, tendo ocasión de ver e comprobar por si mesmos a xestión que reciben os residuos para ser reciclados, no caso dos materiais que reúnan as condicións, ou valorizados enerxéticamente, no caso da fracción non reciclable.

CONCURSOS E OUTRAS CANLES DIVULGATIVAS

Adicionalmente, no marco desta campaña tamén se convocou un concurso escolar destinado a alumnos de secundaria e bacharelato de cara á selección do mellor vídeo-proxecto sobre separación de residuos e reciclaxe, e outro focalizado cara as escolas de arte a fin de que os interesados poidan crear as súas obras a partir de materiais de residuos. En ambos casos contémplanse premios.

Así mesmo, e co obxectivo de reforzar os coñecementos da poboación na materia e procurar un diálogo aberto e fluído cos distintos sectores sociais, a campaña conta cun sitio web específico www.oportunidadesparareciclar.gal, a través do cal o internauta pode acceder ata ao calendario de eventos, tendo presenza igualmente nas redes sociais Twitter e Facebook.