Oportunidades Galicia supera a barreira dos 100.000 participantes
23/10/2017
A campaña “Oportunidades Galicia” reforza os labores de educación ambiental no Centro Residencial Docente de Ourense
25/10/2017

Máis de 200 escolares de Soutomaior serán formados no ámbito da reciclaxe grazas á campaña “Oportunidades Galicia”

  • Os alumnos dos colexios Santiago Apóstol e Manuel Padín Truiteiro daranse cita mañá, no Multiusos municipal, onde serán formados nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos e á economía circular.
  • Unha das prioridades desta cita será disipar dúbidas sobre os tipos de material a depositar en cada un dos contedores de recollida selectiva e formar aos mozos nos valores da redución, a reutilización e a reciclaxe.
  • A campaña, na que participaron de forma directa máis de 100.000 persoas de distintos puntos da comunidade, está promovida e liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama.

 

Máis de 200 escolares dos colexios Santiago Apóstol e Manuel Padín Truiteiro do concello de Soutomaior (Pontevedra) serán formados no ámbito da reciclaxe grazas á campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e na que participa Ecoembes e Sogama. A xornada formativa, que terá lugar no Multiusos municipal, celebrarase en dúas sesións (11:00 e 12:05 horas).

O obxectivo desta cita é trasladar aos estudantes a importancia transcendental que a correcta xestión dos residuos urbanos ten para a protección do medio ambiente e a saúde, pero tamén para ao crecemento sostible e a creación de emprego.

Educadores especializados serán os encargados de dar a coñecer as boas prácticas a implementar cada día nos fogares, centro de estudos e tempo de lecer para producir menos lixo, para aproveitar ao máximo a vida útil dos produtos e para segregalos por tipoloxías a fin de propiciar o seu posterior reciclado e, xa que logo, a súa transformación en artigos de utilidade, aforrando enerxía e materias primas virxes.

Desta forma, unha das prioridades consistirá precisamente en disipar dúbidas sobre o uso dos contedores de recollida selectiva e concretar o que debe e non debe ser depositado en cada un deles: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca cartóns e papeis plastificados, encerados e con restos de graxa, debendo ser eliminados previamente accesorios tales como grapas, argolas e arames); iglú verde, para envases de vidro (botellas, frascos e tarros sen tapas, tapóns ou cortizas, debendo evitar os vidros especiais tales como restos de cristalerías, espellos, cristais de fiestras e parabrisas de coches), recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional para a fracción resto, cuxa xestión compete a Sogama mediante a súa transformación limpa en enerxía eléctrica, tras recuperar os elementos susceptibles de ser reciclados.

Falarase tamén de autocompostaxe, dado que o concello de Soutomaior atópase adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, participando activamente no mesmo 25 familias que habitan en vivendas unifamiliares con horta ou xardín e que están contribuíndo a alcanzar importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais.

Os participantes neste encontro terán ocasión de deixar constancia das súas observacións e comentarios, así como de solventar todas as súas dúbidas sobre o sistema de recollida selectiva.

A campaña “Oportunidades Galicia” xa chegou de forma directa a máis de 100.000 persoas. Formación a pé de rúa, charlas en centros escolares e asociacións, presenza en eventos deportivos e centros comerciais constitúen, entre outras, algunhas das actividades desenvolvidas desde fai máis dun ano en distintos puntos xeográficos da nosa comunidade a fin de estender as boas prácticas ambientais na xestión sostible dos residuos e conseguir que o maior número de cidadáns se sumen aos preceptos da economía circular, contribuíndo a transformar os seus residuos en recursos.