Máis de 56.000 persoas participaron activamente na campaña “Oportunidades Galicia” nos últimos seis meses
24/03/2017
Os centros comerciais A Ramallosa de Nigrán e Gran Vía de Vigo acollen actividades de reciclaxe da man de “Oportunidades Galicia”
31/03/2017

Educadores medioambientais desprázanse a San Xoan de Río para asesorar aos veciños na correcta separación dos residuos

  • Unha carpa informativa da campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” trasladarase a este concello ourensán para explicar aos seus cidadáns como realizar unha correcta xestión dos residuos e como contribuír a incrementar as taxas de reciclado en Galicia.
  • A iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta co apoio de Ecoembes e Sogama.

A carpa informativa da campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que impulsa a Xunta a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que colabora Sogama e Ecoembes, instalarase o vindeiro xoves, 30 de marzo, no concello ourensán de San Xoán de Río. En concreto, estará a disposición dos veciños entre as 10:00 e as 13:00 horas, na Praza Pedro Fernández Fernández.

Educadores especializados en medio ambiente explicarán a todos os que se acheguen a este dispositivo divulgativo o problema que poden chegar a representar os residuos cando non son tratados correctamente, así como os comportamentos a despregar polo cidadán para colaborar no sistema de cara a garantir unha axeitada xestión dos mesmos nos fogares, centros de traballo e tempo de lecer.

Neste escenario, o consumo responsable eríxese nunha prioridade para producir menos refugallos en orixe. Elaborar unha lista previa do necesario, distinguir entre data de caducidade e consumo preferente, priorizar as compras a granel e levar a nosa propia bolsa ao mercado, constitúen algúns dos xestos que poden a axudar en gran medida a minimizar as cantidades de lixo xeradas.

 

CADA COUSA NO SEU SITIO

Pola súa banda, aproveitar ao máximo os produtos e separalos por tipoloxías unha vez convertidos en residuos, constitúe unha tarefa básica e fundamental para facilitar o posterior reciclado dos mesmos. É por isto que os monitores detallarán os materiais que deben e non deben depositarse en cada un dos contedores de recollidas selectiva ubicados nas rúas: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto.

Tamén se falará da autocompostaxe da materia orgánica, toda vez que este concello  está adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama a través da Deputación de Ourense.

Os seus grandes beneficios ambientais, económicos e sociais xa foron constatados por numerosos municipios da provincia, que lograron recuperar unha práctica tradicional en Galicia, á vez que conseguiron reducir a cantidade de lixo depositado no contedor xenérico. Isto significará menor frecuencia de recollida e transporte, e, xa que logo, menores emisións de CO2 e menor importe da factura a pagar a Sogama.

Os veciños terán a oportunidade de consultar todas as súas dúbidas sobre o sistema de recollida selectiva implantado na comunidade e ata trasladar os seus comentarios, dos que poderán deixar constancia a través de enquisas de satisfacción.