“Oportunidades Galicia” dáse cita na Carreira Popular Benquerencia Terra-Mar de Barreiros e na Media Maratón As Catedrais de Ribadeo
08/09/2017
As accións de Street Marketing de Oportunidades Galicia estarán en Pontevedra desde hoxe ata o domingo
15/09/2017

Coristanco e Trazo, no programa da campaña autonómica da reciclaxe

  • Educadores medioambientais desprazaranse a estas dúas localidades coruñesas para instruír e concienciar aos seus habitantes sobre a necesidade de xestionar os residuos de forma sostible e evitar a contaminación derivada dos mesmos.
  • Mentres que a iniciativa, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, chegará a Coristanco o día 17 de setembro, a Trazo farao o 21.
  • Se ben os tres erres e a economía circular conformarán o cimento do discurso e explicacións dos monitores, estes intentarán xerar o escenario idóneo para que os cidadáns sexan os verdadeiros protagonistas e compartan os seus coñecementos e experiencias na materia.

A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que impulsa a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando co apoio de Ecoembes e Sogama, chegará en breve ás localidades de Coristanco e Trazo para instruír aos seus veciños na correcta xestión dos residuos municipais e lograr desta forma a súa plena participación no sistema.

Educadores medioambientais trasladaranse o próximo día 17 de setembro a Coristanco cun aula móbil, que se emprazará na contorna do concello, entre as 10:00 e as 13:30 horas. A Trazo faranno o 21 cunha carpa informativa, que se ubicará no Campo de Festa de San Mateo, entre as 15:00 e as 19:00 horas.

En ambos casos, o obxectivo é captar a atención dos transeúntes para explicarlles o problema que, para a sociedade no seu conxunto, representa a elevada produción de residuos, que comportamentos deben ser adoptados para facer fronte á mesma e como minimizar a súa incidencia sobre o medio ambiente e a saúde.

 

Da reducción á reciclaxe

A economía circular e os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) constituirán o cimento do discurso dos monitores, os cales explicarán aos cidadáns como previr e minimizar a xeración de refugallos con sinxelos xestos tales como elaborar unha lista da compra, levar a bolsa de casa ao mercado, optar pola adquisición de produtos a granel ou co menor envase posible e aproveitar as sobras das comidas. Tamén dar unha nova vida ao aparentemente inservible pode ser unha magnífica opción para xerar menos residuos: aproveitar os tarros para gardar diversos utensilios, usar as dúas caras dos folios.

A recollida selectiva eríxese igualmente nunha prioridade, de aí que os educadores insistan en discernir os materiais que deben ser depositados en cada un dos contedores de recollida selectiva: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama transforma en enerxía eléctrica con todas as garantías medioambientais e de protección da saúde.

 

Punto de encontro

Tanto a aula móbil como a carpa informativa pretenden ser igualmente un punto de encontro a través do cal os cidadáns poden compartir información e experiencias, deixando constancia, mediante enquisas de coñecementos e satisfacción, os seus comentarios e observacións sobre os modelos de recollida e tratamento de residuos existentes en Galicia.

O fin último de Oportunidades Galicia é precisamente incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e sentar as bases para avanzar cara á economía circular, onde a prevención, o ecodeseño, a reparabilidade e a reciclaxe adquiren todo o seu sentido de cara a evitar a xeración de residuos e que estes sexan convertidos en recursos, constituíndo igualmente unha vía fructífera para a creación de emprego e a xeración de riqueza.