BASES CONCURSO NO ÁMBITO MUNICIPAL

Concurso: Convértete no Concello máis RECICLA-ACTIVO

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, ECOEMBES e SOGAMA, a través da campaña “Oportunidades Galicia – Separemos ben, Reciclaremos mellor”, convocan o concurso “CONVÉRTETE NO CONCELLO MÁIS RECICLA-ACTIVO”, onde os entes locais interesados en participar deberán plasmar as actuacións de carácter medioambiental realizadas a nivel municipal, mediante unha memoria recompilativa das mesmas.

1 Obxectivo

Dotar dunha maior implicación aos concellos no desenvolvemento da campaña, así como premiar a organización de actividades relacionadas coa redución, reutilización e reciclaxe dos residuos domésticos a nivel municipal

2 Destinatarios

Poderán concursar todas as Entidades Locais e supra-municipais da Comunidade Autónoma de Galicia que participen na campaña (deberán ter acollido algunha das actividades ofertadas, ben coa aula-móbil, coa carpa informativa, ou co tráiler da reciclaxe).

3 Temática

Os concellos que presenten a súa candidatura deberán destacar as accións realizadas no municipio relacionadas coa xestión dos residuos.

Neste contexto, adquirirá especial relevancia o desenvolvemento de actuacións que fomenten a correcta separación dos residuos para a súa posterior reciclaxe; e especialmente, no que respecta aos envases lixeiros (latas, briks e envases de plástico) e envases de papel e cartón.

Así mesmo, teranse en consideración o resto de actuacións e medios desenvolvidos polo concello para unha axeitada xestión e/ou tratamento dos residuos domésticos, incluíndo a posta en marcha de proxectos de mellora da recollida selectiva e xestión dos residuos municipais, entre outros.

4 Requisitos

  • As entidades locais interesadas en participar deberán ter acollido algunha actividade informativa no marco da campaña “Oportunidades Galicia – Separemos ben. Reciclaremos mellor”. Aqueles que teñan previsto participar no mes de outubro poderán presentar a súa candidatura igualmente.
  • Os concellos deberán presentar unha memoria que recompile os aspectos máis salientables en relación ás accións desenvolvidas na materia (ver apartado 3) entre o 10 de agosto de 2016 e o 30 de setembro de 2017. Valorarase positivamente a inclusión de imaxes e/ou fotografías que acrediten a realización das accións descritas na memoria.
  • A extensión máxima das memorias non excederá das 10 páxinas (tamaño de fonte 11, interliñado 1,15).
  • Soamente poderá presentarse unha única memoria por concello, identificando os datos da persoa de contacto. No caso de que se reciba máis dunha solicitude, a participación da Entidade Local no concurso será desestimada de forma directa.
  • A memoria deberá ir asinada por un representante da Entidade Local con capacidade legal de representación.
  • A participación no concurso é gratuíta.

5 Prazos e presentación das memorias

O prazo para a presentación dos traballos abrirase o 5 de xuño de 2017 e rematará o 30 de setembro de 2017.

Os concellos deberán subir as memorias en formato dixital ao sitio web da campaña, a través da páxina www.oportunidadesparareciclar.gal, xunto co correspondente FORMULARIO DE PARTICIPACIÓN, que estará a disposición dos participantes na mencionada páxina (sección Concursos).

A presentación das memorias que excedan os 10mb realizarase mediante envío por correo postal de CD/DVD, debendo especificar o nome do concello remitente e o título da memoria. A data límite para realizar o envío será o 30 de setembro de 2017.

A dirección á que se deberá realizar o envío dos traballos é a seguinte:

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio,
Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático,
Subdirección Xeral de Residuos,
San Lázaro s/n,
15781 Santiago de Compostela

6 Xurado, Criterios de avaliación

O xurado estará composto por representantes das tres entidades organizadoras: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, Ecoembes, e SOGAMA.

O fallo do xurado será inapelable e estará baseado nos seguintes criterios de avaliación:

  • Contido e calidade da memoria presentada.
  • Calidade das actuacións de carácter medioambiental descritas na memoria.
  • Nivel de implicación do concello nas mesmas.
  • Adecuación do traballo ao obxecto do concurso.
  • Situación e evolución da calidade da recollida selectiva de envases lixeiros no período da convocatoria (porcentaxe de impropios nos contedores amarelos de envases lixeiros, que se comprobará con información que facilitará Ecoembes das caracterizacións dos últimos 3 cuadrimestres, etc.)

O fallo darase a coñecer o 31 de outubro de 2017 a través do sitio web da campaña, e en diferentes redes sociais.

A entrega de premios realizarase nun acto institucional organizado polas entidades impulsoras desta campaña, cuxa data se comunicará ao gañador de maneira persoal.

7 Premios

O concello gañador recibirá un premio en equipamento medioambiental consistente en papeleiras triple ECO, ou similar (en función das necesidades do concello), valorado en 2.500 euros.

A organización resérvase o dereito de declarar o premio deserto, no caso de considerar que as candidaturas recibidas non cumpren uns criterios mínimos de calidade.

O financiamento do premio inclúese no orzamento asignado á realización da campaña “Oportunidades Galicia – Separemos ben, Reciclaremos mellor”, a cal se realiza con cargo aos fondos do Convenio Marco de Colaboración entre a Comunidade Autónoma de Galicia e Ecoembes para a recollida selectiva e reciclaxe de residuos de envases.

8 Cesión dos dereitos de propiedade intelectual

A concesión do premio supón a adquisición definitiva, perpetua, universal e irrevocable por parte das entidades organizadoras (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio – Xunta de Galicia – e Ecoembes), da totalidade dos dereitos de propiedade intelectual correspondentes á memoria gañadora. Ditas entidades poderán explotar o contido da memoria con fins informativos e divulgativos en todo o mundo e en todas as súas modalidades.

9 Protección de datos

En cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, infórmase de que os datos dos participantes serán incorporados a un ficheiro automatizado que soamente será utilizado para a xestión e realización deste concurso.

10 Aceptación das bases

A participación no concurso supón a plena aceptación das presentes bases, así como a aceptación do criterio que estableza a organización para resolver cantas cuestións se deriven do mesmo.

Captura de pantalla 2017-03-23 a las 19.42.07

Formulario de participación