Boas prácticas ambientais e consumo responsable

REDUCE E REUTILIZA

Cada vez que reciclas tes unha oportunidade de coidar a nosa contorna. Porque o envase que non recicles ti, non o reciclará ninguén.

NO FOGAR
  • Dá prioridade ao uso de materiais e produtos reutilizables, como panos de tea, vasos e pratos lavables, evitando, na medida do posible, artigos de usar e tirar.
  • Reutiliza e arranxa todo o que resulte posible. Cada ano desfacémonos de moitos aparellos electrónicos tales como neveiras, teléfonos, ordenadores, etc… que aínda serven.
  • Procura empregar pilas recargables nos utensilios e xoguetes que funcionen a pilas.
  • Dá prioridade ao consumo de alimentos frescos. Reducirás a xeración de residuos, en comparación coa comida preparada e envasada, e a dieta será máis saudable.
  • Respecto das cousas que xa non usen os membros da unidade familiar, debemos procurar que alguén as reciba.
  • Se vives no rural e dispós de horta ou xardín, elabora compost a partir da materia orgánica e dos restos vexetais. A práctica da autocompostaxe permite reducir a bolsa do lixo e o emprego de fertilizantes químicos, toda vez que se obtén un abono natural con excelentes beneficios para o solo.
NA COMPRA
  • Antes de realizar a compra, fai a lista do que necesites. Así evitarás caer nas compras compulsivas.
  • Utiliza o teu propio carro da compra ou bolsas reutilizables, sempre que che resulte posible. Recorda que as bolsas do supermercado pódelas usar máis dunha vez e unha vez finalizado o seu uso, pódense reciclar se as depositas no contedor amarelo.
  • Prioriza os produtos a granel sempre que che sexa posible para contribuír á redución de residuos.
  • Á hora de elixir un produto, ten en conta a súa calidade e durabilidade, así como os residuos que xeran as diferentes opcións de comercialización deste.
  • Compra as cantidades de alimentos axeitadas para as necesidades da familia e elixe os produtos tendo en conta a súa caducidade. Diferenza entre consumo preferente e data de caducidade.
NO TRABALLO E NOS CENTROS EDUCATIVOS
  • Non desaproveites o papel. Garda o papel impreso para reutilizalo como borrador.
  • Usa papel reciclado sempre que poidas. Isto aumentará a súa demanda, contribuíndo á súa maior produción e, en consecuencia, á preservación de recursos naturais.
  • Procura minimizar o uso de papeis plastificados ou encerados, cuxa reciclaxe é máis complicada. Utilízaos soamente cando non exista outra posibilidade.
  • Inclínate polas comunicacións por correo electrónico en lugar de por fax ou correo postal para minimizar o consumo de papel.
  • Imprime só o que realmente necesites, e sempre que poidas, polas dúas caras.
  • Separa o papel que xa non se poida utilizar para depositalo no contedor azul. Así terá como destino a reciclaxe.
  • Aproveita ben os cartuchos de tinta e tóners. Unha vez consumidos, entrégaos a un xestor autorizado.
  • Dá preferencia aos materiais recargables, reutilizables e fabricados con elementos reciclados e reciclables, elixindo prioritariamente artigos identificados coa ecoetiqueta europea.
  • Para a merenda e aperitivo de media mañá, procura utilizar recipientes e botellas reutilizables, evitando as dun só uso.
  • Utiliza o teu propio vaso ou cunca. Evita o uso de cuncas e vasos desbotables.
NO TEMPO DE LECER
  • Dá prioridade ao uso de pilas recargables. A longo prazo, supoñen un importante aforro.
  • Reutiliza as bolsas de plástico das compras para o lixo ou outros usos.
  • Pensa antes de comprar produtos que realmente non necesites, sobre todo para festas e vacacións.
  • Innova á hora de realizar un agasallo: reutiliza obxectos, fabrícao ti mesmo, regala produtos inmateriais, etc…
  • Nas festas e celebracións emprega recipientes herméticos para os alimentos, así como cubertos e vaixelas reutilizables, minimizando os de usar e tirar.
  • En xeral, comparte coa familia e os amigos, aqueles produtos que non utilices de maneira habitual, como poden ser as ferramentas.