Oportunidades Galicia estará presente no XXII Día da Ciencia na rúa, que se celebra mañá en A Coruña
05/05/2017
A conselleira de Medio Ambiente visita en Abegondo o aula móbil da Campaña Oportunidades Galicia
17/05/2017

As accións de Street Marketing da Campaña Oportunidades Galicia chegan este venres 12 de maio a Lugo

  • A campaña Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclemos mellor, liderada pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia coa colaboración de Sogama e Ecoembes, chegará mañá a Lugo co fin de promover entre a cidadanía boas prácticas ambientais.

 

  • Do venres 12 ao domingo 14 as accións de street marketing celebraranse na Praza Horta do Seminario de Lugo. As actividades son de carácter gratuíto e os horarios de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

 

  • Educadores especializados resolverán as dúbidas dos asistentes sobre a separación axeitada dos residuos e organizarán distintas actividades co obxectivo de sensibilizar ao público sobre a necesidade de preservar o medio ambiente.

 

As accións de Street Marketing da Campaña “Oportunidades Galicia” terán continuidade esta fin de semana en Lugo, na Praza Horta do Seminario. Así, a través dun trailer expositivo de 16 metros de longo, a cidadanía poderá informarse e coñecer da man de monitores medioambientais as claves dunha correcta separación de residuos.

Unha zona denominada “Encesta os teus residuos” habilitada con canastras servirá para poñer a proba os coñecementos sobre correcta separación de residuos así como á pericia da cidadanía que participe á hora de “encestar ditos residuos na canastra correcta”.

O espacio de street marketing completarase coa presencia dun gran circuíto de “triciclos” e dun inchable para os máis cativos, así como o xogo xigante da reciclaxe.

Ademais das explicacións e aclaracións dispensadas polos monitores coas que resolver dúbidas e corrixir erros, os cidadáns poderán participar en algunha destas actividades lúdico-didácticas previstas.

O monólogo musicado de Celia Pía, que se celebrará todos os días ás 19:00 horas, baixo o título “A reciclada historia dos espíritos 3R e os desperdiciantes viláns”, tratará de concienciar ao público sobre a necesidade de preservar o medio ambiente e unha boa forma de facelo é a participación activa na recollida selectiva.

Se a climatoloxía o permite, dúas bicicletas rotuladas percorrerán as principais zonas da cidade (Castiñeiro, Viana do Castelo e Milagrosa; Casco histórico e Parque Rosalía de Castro; Fontiñas e Augas Férreas) anunciando a presenza das actividades na praza Horta do Seminario.

Igualmente, quen o desexe poderá poñer a proba os seus coñecementos sobre a xestión sostible dos residuos domésticos, así como achegar as súas propostas sobre como minimizar a xeración do lixo e incrementar as taxas de reciclaxe e reutilización dos produtos.

A diversidade de actuacións, adaptadas a distintos perfís sociais, obedece á necesidade de chegar ao maior número de cidadáns para que entre todos, e desde a unidade, consigamos incrementar os índices de reciclaxe na nosa comunidade e sentemos os cimentos para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento centrado na economía circular.

Estas accións de Street Marketing xa estiveron presentes en Santiago de Compostela (19 a 22 de abril), en Ferrol (28 a 30 de abril) e en Ourense (3 a 6 de maio).