IMG_0251
A participación cidadá na Campaña Oportunidades Galicia supera as 77.500 persoas
20/06/2017
IMG_9842
“Oportunidades Galicia” estará presente na Festa do Rapaz de Silleda
23/06/2017

A videocreación ‘Eu reciclo, e ti?’ incide na oportunidade de coidar o medio ambiente a través da reciclaxe e a separación en orixe

Entrega premio concurso escolar
  • A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, fixo entrega esta mañá do premio a Carlota Atán Ares, estudante de 1º da ESO do Colexio Manuela Rial Mouzo de Cee (A Coruña), gañadora da premio ao mellor video-creación do concurso ‘Oportunidades Galicia. Separemos ben. Reciclaremos mellor’.
  • A peza audiovisual presenta dun xeito fresco, ameno e divertido como separar os diferentes residuos no seu conlector e como deben pregarse para reducir o seu volume.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de valorar a oportunidade que a peza audiovisual “Eu reciclo, e ti?” ofrece para incidir na necesidade de coidar o medio ambiente a través da reciclaxe e da correcta separación dos residuos que habitualmente se xeran no ámbito doméstico. Esta foi unha das razóns que o xurado tivo en conta á hora de fallar o concurso do mellor video-creación de Oportunidades Galicia. Separemos ben. Reciclaremos mellor, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que colaboran Ecoembes e Sogama.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, fixo entrega esta mañá do premio a autora desta peza audiovisual orixinal, Carlota Atán Ares, estudante de 1º da ESO do Colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, que -nun vídeo de dous minutos – presentou dunha forma fresca, amena e divertida os diferentes tipos de residuos que corresponden ao contedor amarelo (latas, briks e envases de plástico) e outros tantos exemplos de residuos que deben depositarse no colector azul (envases de cartón e papel), lembrando que deben pregarse na medida do posible para reducir o volume e que non todos os plásticos son envases.

Ferreira Costa fixo entrega dos diplomas de recoñecemento tanto para o centro participante como para a autora do vídeo-proxecto, así como dos respectivos premios, que consisten nun vale de 800 euros para a adquisición de material didáctico e escolar para o centro, e entradas para o Parque Zoolóxico de Marcelle que a alumna poderá aproveitar para visitar antes de que finalice o ano.

A campaña Oportunidades Galicia. Separemos ben. Reciclaremos Mellor está a percorrer todo o territorio galego con diversas accións informativas, co fin de transmitir unha mensaxe positiva sobre a oportunidade medio ambiental que representa a correcta xestión dos residuos e a importancia que ten a colaboración da cidadanía na separación en orixe de cara a posibilitar o seu posterior reciclado.

 

FONTE: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.