Os veciños de Paderne poderán coñecer os pormenores da reciclaxe da man de “Oportunidades Galicia”
16/03/2017
Máis de 56.000 persoas participaron activamente na campaña “Oportunidades Galicia” nos últimos seis meses
24/03/2017

A reciclaxe estará presente en Verín, Manzaneda e Nogueira de Ramuín

  • A campaña chegará a Verín  o vindeiro luns, día 20, cunha aula móbil, mentres que a Manzaneda  e a Nogueira de Ramuín farao cunha carpa informativa.
  • Ambos dispositivos estarán atendidos en todos os casos por educadores medioambientais  que instruirán aos veciños nas boas prácticas para facer fronte á inxente cantidade de lixo producido, incrementando ao mesmo tempo a reutilización e o reciclado.
  • Promovida pola Consellería  de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama.

A campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, chegará os próximos días ás localidades ourensáns de  Verín, Manzaneda e Nogueira de Ramuín. Na primeira farao o vindeiro luns, día 20,  cunha aula móbil, que se emprazará na  Praza García Barbón, entre as 10:30 e as 14:00 horas. No caso da segunda e terceira utilizará unha carpa informativa, que estará en Manzaneda  o mércores 22, de 11:00 a 14:00 horas, na Praza do Concello, e en Nogueira de Ramuín o día 25, entre as 10:30 e as 13:30 horas, tamén na Praza do Concello.

Os tres dispositivos serán atendidos por educadores medioambientais especializados en residuos, que explicarán aos veciños como deben xestionar o lixo producido nos seus fogares, centros de traballos e lugares de lecer. Neste sentido, os tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) eríxense nos tres mandamentos que establece a Unión Europea para xestionar os refugallos dunha forma sostible, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social.

 

PRODUCIR MENOS, PUNTO DE PARTIDA

Diminuír a xeración de lixo é posible con sinxelos xestos. Elaborar unha lista da compra, adquirir só o necesario, dar preferencia a produtos con menor embalaxe e diferenciar entre data de caducidade e consumo preferentes, eríxense así en condutas que, malia non esixir un gran esforzo, si se traducen en excelentes resultados.

Reutilizar ao máximo os artigos constitúe outro comportamento ao alcance de todos e que permitirá aforrar un volume importante de recursos. E separar os residuos por tipos de material e introducilos nos contedores axeitados tradúcese xa nunha esixencia incuestionable nas sociedades modernas para garantir o reciclado e, en consecuencia, o aforro de enerxía e materias primas: amarelo, para latas,briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama transforma en enerxía eléctrica suficiente coa que abastecer o 12% dos fogares galegos.

 

RESPONSABILIDADE COMPARTIDA

A aula e a carpa servirán tamén como puntos de encontro nos que os veciños poden dialogar cos monitores, intercambiar puntos de vista e dar a coñecer as súas percepcións ante un problema, a elevada xeración de lixo, que require da implicación, o interese, o esforzo  e a responsabilidade de todos (administracións, empresas e cidadáns).

Ademais, os que así o desexen, poden someterse a enquisas de coñecementos e satisfacción para comprobar o seu dominio do sistema de recollida selectiva e dar a coñecer a súa percepción sobre o mesmo e, de ser o caso, as súas propostas de mellora.

A campaña, que está promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conta co apoio de Ecoembes e Sogama, sendo o seu principal obxectivo contribuír, coa achega de todos os sectores sociais, a incrementar as porcentaxes de reciclado en Galicia.