Pazos de Borbén, Poio, A Estrada, Pontevedra e O Porriño, na axenda de “Oportunidades Galicia”
01/09/2017
“Oportunidades Galicia” dáse cita na Carreira Popular Benquerencia Terra-Mar de Barreiros e na Media Maratón As Catedrais de Ribadeo
08/09/2017

A Carreira “Corre pola Reciclaxe”, cita ineludible para os afeccionados ao running e os defensores do medio ambiente

  • Trátase dunha carreira popular que terá lugar o próximo 24 de setembro na cidade de Ourense e na que estará presente a campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, unha iniciativa con cobertura autonómica que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
  • A través dun aula móbil, educadores medioambientais instruirán aos interesados nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos domiciliarios e solventarán todas as súas dúbidas.
  • Pola súa banda, os pequenos poderán gozar cun inchable no que se reproducen os distintos contedores habilitados nas vías públicas, reforzando así os seus coñecementos na materia.
  • Trátase, en todo caso, dun evento a través do cal se pretende divulgar os beneficios do deporte, a vida saudable e a protección da contorna a través da reciclaxe.

 

A cidade de Ourense acollerá o próximo 24 de setembro a carreira popular “Corre pola reciclaxe”, unha cita á que acudirá a campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promove e lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e ao que non faltarán os afeccionados ao running e os defensores do medio ambiente.

O evento, que se enmarca no circuíto “Correndo por Ourense”, transcorrerá polo barrio de A Ponte e os interesados en participar no mesmo deben inscribirse previamente a través do sitio web www.deportesourense.com así como na propia web oportunidadesparareciclar.gal.

 

Os tres erres: en liña de meta

 

A xornada, que arrancará ás 12:00 horas, estará amenizada por varios elementos divulgativos. É o caso dun aula móbil, a través da cal educadores medioambientais especializados informarán e formarán aos interesados nas boas prácticas asociadas á xestión sostible dos residuos urbanos, proporcionándolles as instrucións necesarias para que poidan aplicar o principio dos tres erres con garantías: reducir a produción de lixo en orixe, a través de hábitos de consumo responsables; reutilizar ao máximo os produtos, alongando a súa vida útil; e separar os materiais por tipoloxías a fin de depositalos nos contedores específicos e propiciar así o seu posterior reciclado.

Dada a confusión existente no ámbito da recollida selectiva, os monitores detallarán os refugallos a introducir en cada recipiente, recordando que o amarelo se destina a acoller latas,briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); que o azul resérvase para os envases de cartón e papel (nunca papeis e cartóns plastificados, encerados, sucios e con restos de graxa); que o iglú verde fai provisión dos envases de vidro (botellas, frascos e tarros, sen tapas, tapóns ou cortizas, debendo evitar os vidros especiais tales como restos de cristalerías, cristais de fiestras, espellos, lámpadas e parabrisas de coches, entre outros); que hai un contedor específico para pilas, a disposición dos cidadáns nas casas consistoriais, asociacións, establecementos comerciais e centros escolares, entre outros lugares; que o contedor verde convencional acolle a fracción resto, e que os puntos limpos municipais recollen aqueles residuos que, dadas as súas características especiais, non poden ser depositados nos contedores emprazados nas vías públicas. É o caso dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs), pinturas, fluorescentes, aceites, voluminosos, etc.

Ademais de todo isto, os máis pequenos terán ocasión de gozar cun inchable no que se reproducen os distintos tipos de contedores, contribuíndo desta forma a facelos máis visibles desde o xogo e a diversión.

Os corredores que participen neste encontro serán obsequiados cunha camiseta e o resto dos cidadáns poderán facerse con diverso material didáctico, divulgativo e de merchandising cuxo fin non é outro que axudar a interiorizar os conceptos da reciclaxe con maiores garantías.

Os que así o queiran, e sempre de forma anónima, poderán deixar constancia das súas ideas, observacións e comentarios sobre o sistema de recollida selectiva implantado en Galicia e propostas de mellora.

 

Cara a economía circular

Oportunidades de Galicia, unha iniciativa na que tamén colabora Ecoembes e Sogama, pretende ser unha oportunidade para a acción, promovendo a concienciación e sensibilización da poboación para que Galicia incremente as súas taxas de reciclado e poida avanzar con paso firme cara a un modelo de desenvolvemento definido pola economía circular no que se reduza a produción de residuos e estes sexan transformados en recursos. Desta forma porase fin ao modo de vida lineal, caracterizado pola mala praxe de usar e tirar, unha das principais fontes de contaminación.