Continúan as accións de Street Marketing desde mañá e ata o domingo en Ferrol
27/04/2017
Máis reciclaxe en Sanxenxo coa aula móbil de Oportunidades Galicia
28/04/2017

A carpa informativa de Oportunidades Galicia percorrerá as localidades coruñesas de San Sadurniño, Aranga e Cariño para promover unha maior colaboración no reciclado

 

  • Mentres que en San Sadurniño estará o vindeiro domingo, 30 de abril, a Aranga  chegará o 5 de maio e a Cariño o día 19 dese mesmo mes.
  • Este soporte divulgativo, enmarcado na campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera e coordina a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, estará atendido en todo momento por educadores medioambientais, os cales instruirán aos visitantes nas boas prácticas ambientais.
  • Neste contexto, o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) adquire todo o seu protagonismo, resultando esencial a súa aplicación para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos urbanos.
  • Os veciños terán a oportunidade de complementar os seus coñecementos na materia, de clarificar dúbidas e de intercambiar experiencias.

A carpa informativa da reciclaxe continúa percorrendo Galicia. Este domingo, 30 de abril, chegará ao municipio de San Sadurniño, permanecendo a disposición dos veciños, na Avenida Marqués de Figueroa, entre as 11:00 e as 15:00 horas. O 5 de maio porá rumbo a Aranga, onde estará entre as 10:30 e as 14:30 horas,  e o día 19 chegará a Cariño, ubicándose no Paseo Marítimo de 10:00 a 13:30 horas.

Ao fronte da mesma estarán en todo momento educadores medioambientais especializados en residuos, que intentarán captar a atención dos transeúntes para proporcionarlles información sobre a correcta xestión do lixo doméstico e os hábitos a adoptar para poñer en práctica cada día o principio dos tres erres, explicándolles o alcance da redución, só factible a través dun consumo responsable; da reutilización, aproveitando ao máximo os produtos mediante o seu uso continuado; e da reciclaxe, viable unicamente se hai un labor previo de separación dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores habilitados para tal fin: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; e verde convencional, para a fracción resto, que Sogama converte en electricidade.

Tamén se aludirá á importancia que ten separar as pilas e introducilas nos  recipientes axeitados, a disposición dos cidadáns nas casas consistoriais, centros educativos, colectivos sociais e establecementos comerciais, e porase de relevo a necesidade de ser coidadosos coa selección dos residuos de carácter especial tales como enseres, voluminosos, aceites e aparellos eléctricos e electrónicos, entre outros, cuxo destino deben ser os puntos limpos.

Así mesmo, reservarase un espazo para falar da compostaxe doméstica, xa que, tanto San Sadurniño como Aranga e Cariño, atópanse adscritos ao programa de Sogama, tendo repartido entre os mesmos 165 composteiros, que xa foron distribuídos entre outras vivendas unifamiliares para que poidan fabricar compost a partir da materia orgánica xerada e aplicalo nas súas hortas, xardíns e terras de cultivo.

Punto de encontro

A actividade constitúe, ademais, unha magnífica ocasión para que os veciños das tres localidades poidan consultar dúbidas, poñer a proba os seus coñecementos, deixar constancia das súas observacións, comentarios e percepcións, e intercambiar impresións, puntos de visita e experiencias cos monitores e outros cidadáns.

Esta actuación enmárcase na campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que coordina e lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que participa igualmente Ecoembes e Sogama de cara a amplificar a súa mensaxe, que non é outro que enxalzar a necesidade de incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade.