Máis de 200 escolares de Soutomaior serán formados no ámbito da reciclaxe grazas á campaña “Oportunidades Galicia”
24/10/2017
O Concello de Redondela, gañador do concurso Convértete no Concello Máis Recicla-Activo
08/11/2017

A campaña “Oportunidades Galicia” reforza os labores de educación ambiental no Centro Residencial Docente de Ourense

  • Ata alí trasladaranse mañá, día 26, educadores ao servizo desta iniciativa para levar a cabo distintas charlas e dinámicas orientadas a formar aos estudantes na correcta xestión dos residuos urbanos e facelos partícipes das bondades da reciclaxe.
  • O día 30, e a través dunha carpa informativa, viaxarán ao concello de Ramirás co mesmo fin.
  • En todo caso, o obxectivo é instruír e concienciar á poboación sobre a importancia que ten aplicar cada día o principio dos tres erres e dar resposta aos requerimentos da economía circular para avanzar cara ao desenvolvemento sostible.

 

A campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” chega mañá ao Centro Residencial Docente de Ourense, onde os monitores ao servizo da mesma levarán a cabo distintas charlas e dinámicas orientadas a instruír e formar á comunidade educativa nunha mellor xestión dos residuos e nunha maior reciclaxe.

E ese é precisamente o espírito desta iniciativa. Promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando co apoio de Ecoembes e Sogama, coa mesma preténdese incrementar as taxas de reciclado en Galicia e avanzar cara ao modelo de desenvolvemento definido pola economía circular, abandonando os malos hábitos propios do modo de vida lineal (extraer-fabricar-usar-tirar).

 

Por que reciclar

Os alumnos recibirán así nocións básicas sobre como contribuír a unha xestión máis sostible dos residuos. Combinando teoría e práctica, os monitores explicarán o que significan os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a súa aplicación á vida diaria. Instruirán igualmente aos pupilos sobre a importancia que ten separar de forma correcta os residuos, en que se poden converter unha vez reciclados e as súas equivalencias. Por exemplo, que con 22 botellas de plástico pódese fabricar unha camiseta, que con 8 caixas de cereais pódese obter un libro, que 40 botellas de pet serían suficientes para elaborar un forro polar, que con 80 latas de refresco poderiamos obter unha llanta dunha bicicleta e con 8 botes de conserva, unha olla de cociña.

Tamén sairán á luz curiosidades descoñecidas para moitos e que nos descobre Ecoembes. Por exemplo, que, desde 1998, grazas á reciclaxe aforramos 408 millóns de m3 de auga, cantidade coa que se poderían duchar 105,3 millóns de persoas todos os días durante un mes, e que coa enerxía aforrada polo material reciclado durante 2015 en España, poderíase manter unha lámpada de 60w acesa durante máis de 8,7 millóns de anos.

 

Rumbo a Ramirás

O día 30 de outubro, a campaña trasladarase ao concello ourensán de Ramirás. Alí estarán de novo os educadores cunha carpa informativa, que se instalará, entre as 11:00 e as 13:30 horas, fronte ao colexio Rogelio García Yáñez.

A pretensión é informar e formar aos veciños na reciclaxe e despexar todas as dúbidas que estes poidan presentar, tomando boa nota das súas observacións e comentarios.

A carpa pretende tamén ser un lugar de encontro para o intercambio de coñecementos e experiencias que, sen dúbida, enriquecerán a todos.