A aula móbil da reciclaxe chega ao Barco de Valdeorras co obxectivo de axudar aos seus veciños a reciclar máis e mellor
26/05/2017
A reciclaxe chega a Burela, Alfoz, O Páramo e O Corgo da man de Oportunidades Galicia
01/06/2017

A Campaña “Oportunidades Galicia” formou a máis de 7.600 persoas durante o pasado mes de abril

  • Desde o inicio da súa actividade, en agosto de 2016, a campaña, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, chegou de forma directa a máis de 70.000 persoas, desenvolvendo da orde de 1.700 accións.
  • Os escenarios elixidos son variados e diversos, adaptándose en todos os casos aos perfís dos destinatarios: veciños, escolares, membros de asociacións, aforamentos deportivos, etc.
  • Ademais de charlas informativas e formativas, as explicacións dos educadores canalízanse a través de distintos soportes tales como aulas móbiles e carpas, stands en centros comerciais e, máis recentemente, o tráiler da reciclaxe, que o pasado mes de abril circulou por Santiago de Compostela e Ferrol.
  • No caso deste último, toda unha serie de elementos contribuíron a incrementar o seu atractivo: monólogos musicados, vídeos, canastras, triciclos e xogos, garantindo así a aprendizaxe a través da diversión e o entretemento.

 

A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que coordina e dirixe a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando co apoio de Ecoembes e Sogama, prosegue ca súa tarefa de formar á poboación nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos. E, neste incesante traballo diario, conseguiu chegar o pasado mes, e de forma directa, a 7.646 persoas, sumando máis de 70.000 desde agosto de 2016.

Calquera escenario resulta idóneo para captar a atención do público (unha rúa, un centro escolar, un mercado, unha feira, un evento deportivo, un centro comercial, unha festa gastronómica, ….) e lograr así o principal obxectivo desta iniciativa, que non é outro que incrementar as taxas de reciclaxe na nosa comunidade e alcanzar os beneficios ambientais, económicos e sociais derivados da mesma.

ACCIÓNS DE STREET MÁRKETING, UN ATRACTIVO EN ALZA

Con este loable fin despregáronse máis de 1.700 accións , incorporando en abril, como importante novidade, as propias de Street Márketing en Santiago de Compostela e Ferrol, podendo chegar de forma directa a 2.425 cidadáns, aos que habería que engadir os 5.221 formados persoalmente en colexios, concellos, competicións deportivas, etc.

En todos os casos, educadores medioambientais especializados en residuos adaptan a mensaxe aos destinatarios para que esta poida ser comprendida e interiorizada na súa integridade.

Ademais de charlas impartidas en distintos contextos, é habitual atopar a aula móbil ou a carpa informativa en concellos. Un ou outro dispositivo é elixido en función da tipoloxía e as características do ente local destinatario. Os monitores póñense a disposición dos veciños para asesoralos en torno á adopción do principio dos tres erres: como reducir a produción de residuos en orixe, como reutilizar os produtos, como separalos por tipoloxías, unha vez convertidos en refugallos, e cales deben ser os seus contedores de destino para propiciar o seu posterior reciclado.

Así mesmo, solventan todas as dúbidas que os veciños poidan presentar e toman nota das observacións, percepcións e ata propostas de mellora que estes queren realizar en relación ao sistema de recollida selectiva implantado en Galicia.

Todos eles son obsequiados con diverso material divulgativo e de merchandising, amén de distintos xogos pensados e desenvolvidos para os máis pequenos.

O tráiler da reciclaxe, enmarcado nas accións de StreetMárketing, foi unha das revelacións estrelas do pasado mes de abril. A súa presenza en Santiago e Ferrol non deixou indiferente a ninguén, dadas as múltiples actividades que o acompañan: contedores-canastra, triciclos, monólogos musicados, inchables, xogos, vídeos. En definitiva, todo un cúmulo de elementos para atraer a atención de maiores e pequenos, garantindo así a aprendizaxe a través da diversión.