A carpa informativa da reciclaxe, mañá en Santiso
18/10/2017
Oportunidades Galicia, apoiando ao Trail Mugardos Montefaro
20/10/2017

A campaña autonómica da reciclaxe visita o concello de Ponteareas

  • Un aula móbil atendida por educadores medioambientais ubicarase mañá, día 21, fronte ao concello, estando a disposición dos veciños entre as 10:30 e as 14:00 horas.
  • Os monitores tamén dirixirán unha charla sobre xestión sostible de residuos á Asociación de Amas de Casa de Cambados, tendo esta lugar en Exposalnés  o día 24, entre as 18:00 e as 19:00 horas.
  • A iniciativa está promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e conta coa colaboración de Sogama e Ecoembes, sendo o seu obxectivo incrementar a achega de Galicia á reciclaxe.

 

Traballar no ámbito informativo, formativo e de concienciación e sensibilización social en materia de reciclaxe constitúe un dos principais cometidos da campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que non dubida en levar a cabo cantas accións sexan necesarias para que cada vez sexan máis os galegos que aposten de forma decidida por unha xestión sostible dos seus residuos, contribuíndo desta forma a facer posible o modelo de economía circular.

Neste marco, a aula móbil da campaña chegará mañá,  día 21, a Ponteareas (Pontevedra), emprazándose, entre as 10:30 e as 14:00 horas, fronte ao concello. Educadores especializados poranse a disposición dos veciños para dotalos de maiores coñecementos, ampliar a información dispoñible, clarificar dúbidas, resolver erros e, sobre todo, incentivalos a colaborar no sistema de cara a facelo máis sostible.

Pola súa banda, o día 24, os monitores impartirán unha charla dirixida á Asociación de Amas de Casa de Cambados, que terá lugar en Exposalnés, entre as 18:00 e as 19:00 horas.

 

Mensaxes

As claves para reducir a xeración de residuos, para aproveitar ao máximo os produtos e para separar os materiais a introducilos nos contedores correspondentes, estarán presentes en todo momento en ambas citas.

Tamén se falará de compostaxe doméstica e a oportunidade que esta representa para propiciar a reciclaxe da materia orgánica e pechar o ciclo da súa recuperación na propia vivenda, toda vez que o abono obtido é aplicado ao solo como elemento fertilizante, cos conseguintes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Detallaranse, tendo en conta as dúbidas existentes, os residuos que deben ser depositados en cada recipiente: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama transforma en enerxía eléctrica con todas as garantías medioambientais e de protección da saúde.

Promovida e liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a campaña “Oportunidades Galicia” conta co apoio de Ecoembes e Sogama, sendo o seu obxectivo último incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e avanzar cara a un modelo de desenvolvemento definido pola economía circular.